O PP de Cuntis esixe unha revisión da taxa de recollida, transporte e tratamento do lixo

Umia
17 de setembro 2020

Os populares presentarán unha moción no próximo pleno para pedir explicacións ao goberno local polas subidas, de ata o 300 %, da taxa e pedirán un sistema de pago deste imposto proporcional e máis xusto para veciños e empresas

Colectores de lixo en Cuntis Concello de Cuntis

O Partido Popular de Cuntis reclama a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola recollida, transporte e tratamento de residuos urbanos ao entender que os recibos se incrementaron no último ano entre un 200 e 300 %. "Superan no dobre ou triplo a outros concellos da contorna", denuncian os populares.

Alertan desde a oposición que as queixas de veciños e colectivos por estas subidas levou á agrupación para analizar en profundidade a ordenanza aprobada no 2018 e decidiron presentar unha moción para debater sobre este tema no próximo pleno. Piden ao goberno local que comprobe os tributos ingresados e que sexan coherentes para que non superen o custo real do servizo. 

Ademais, entenden que as tarifas deben ser proporcionadas. "O que máis lixo xera, máis paga", piden os populares matizando que os establecementos comerciais deben pagar pola cantidade de residuos que producen e os custos que xeran a súa xestión, non pola superficie das súas instalacións.