O PP critica que a "inventada" comisión de Adro Vello non ofreza solucións

O Salnés
08 de marzo 2021

O Partido Popular acusa a Costas, Deputación e Concello do Grove de querer branquear a súa responsabilidade con Adro Vello cunha comisión "para a galería"

Comisión para recuperar o xacemento de Adro Vello

O grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra criticou a comisión interadministrativa recén creada para abordar a protección, promoción e recuperación do xacemento arqueolóxico de Adro Vello, en O Grove.

Esta comisión reuníuse por primeira vez este venres nun encontro telemático no que participaron a Deputación de Pontevedra, o Concello do Grove e o Servizo Provincial de Costas. Non asistiron nin a Consellería de Medio Ambiente, nin a Consellería de Cultura.

Este luns o PP provincial acusou a Deputación, Concello do Grove e Costas de "inventar" esta comisión interadministrativa "para botar balóns fóra e intentar branquear a súa responsabilidade respecto do abandono no que se atopa".

O voceiro popular, Jorge Cubela, lembra que o propietario de Adro Vello é Costas do Estado e o xestor o Concello do Grove, polo que "o que apremia é que se poñan de acordo entre eles". O contrario, di Cubela, "é buscar comisións para a galería, que dan titulares pero non ofrecen solucións e decisións, que é o que precisa Adro Vello".

Para Cubela, os acordos tomados na comisión que se celebrou o venres entre as tres administracións demostran que "o único que querían era ter titulares, parecer que fan algo mentres Adro Vello continúa na mesma situación".

Así, considera que "parece unha burla que o propietario do castro se comprometa a asesorar nos traballos, ao igual que a Deputación de Pontevedra, que si actuou noutros moitos xacementos da provincia, ou que o concello, que é o xestor, se comprometa ao peche perimetral". Nesta liña, pregunta "si esta vai ser toda a súa aportación para Adro Vello".

Cubela di que "é unha realidade que Adro Vello está abandonado, non hai máis que achegarse ata el para comprobalo, polo que o que falta é un compromiso serio e firme das dúas administracións competentes. Non se pode perder máis tempo con comisións inútiles".

Por último, o popular sinala que "o alcalde está eludindo a súa responsabilidade de limpar o castro, e para tapar a súa ineficacia, fai o de sempre, que é culpar á Xunta de Galicia de todo o que pasa no Grove, aínda sen ser a responsable". Nesta liña, propón que "esixa á Deputación de Pontevedra que actúe no Adro Vello "coa mesma dilixencia que fai noutros castros da provincia", a través do convenio asinado en 2015 co Ministerio de Fomento.