O PP critica que a "falta de implicación" do Concello "está a matar ao comercio local e aos autónomos"

Pontevedra
13 de maio 2020

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reprochou a "falta de seriedade" da proposta do PP de "exención de todos os impostos mentres dure a situación de crise sanitaria" xa que, dixo, "non ten nin pés nin cabeza e non é nin sequera legal nin se está facendo por parte de ningunha administración", anticipando así en voto en contra dos concelleiros do BNG e do PSOE, os seus socios de goberno

Rafa Domínguez co alcalde Fernández Lores ao fondo, durante o pleno Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, lamentou a "falta de implicación" do Concello de Pontevedra na crise do coronavirus. Segundo dixo, "a ausencia de propostas está a matar ao comercio local e aos autónomos de Pontevedra".

Tras a xunta de portavoces deste mércores, á que asistiron presencialmente os representantes de todos os grupos políticos, Domínguez recalcou a "imperiosa necesidade" de sacar adiante medidas como a exención dos impostos e taxas municipais aos sectores afectados, moción que defenderá o vindeiro luns no pleno municipal.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reprochou a "falta de seriedade" da proposta do PP de "exención de todos os impostos mentres dure a situación de crise sanitaria" xa que, dixo, "non ten nin pés nin cabeza e non é nin sequera legal nin se está facendo por parte de ningunha administración", anticipando así en voto en contra dos concelleiros do BNG e do PSOE, os seus socios de goberno.

Domínguez cre que o goberno local está "a entorpecer a recuperación de Pontevedra", dixo o popular, que considera que xa deixou o "tempo suficiente ao Concello para que tomase cartas no asunto, sen ningún resultado".

Fernández Lores reiterou que os concellos "o que teñen que facer" é pagar a provedores e xerar actividade económica "para recuperarnos" e destacou que "o que non podemos facer é carecer de ingresos e aumentar os gastos".

Os populares defenderán o vindeiro luns 18 de maio no pleno dúas propostas no pleno municipal: a exención de todos os impostos e taxas municipais aos sectores de Pontevedra máis golpeados pola crise do coronavirus; e a creación dunha comisión especial para a reconstrución para sentar as bases económicas e sociais para a recuperación de Pontevedra tras o estado de alarma.

Ambas foron rexeitadas nas súas respectivas comisións polo equipo de goberno.