O PP critica a supresión da rotonda xunto á gasolineira do Burgo

Pontevedra
17 de outubro 2019

Rafa Domínguez, que visitou a zona acompañado de varios compañeiros e veciños do barrio, cre que a eliminación desta rotonda "provoca que se dificulte a circulación e crense caravanas innecesarias"

Rafa Domínguez visita as obras na ponte do Burgo Partido Popular de Pontevedra

As obras de remodelación da ponte do Burgo provocaron no seu momento que se eliminase para a circulación rodada a rotonda que se atopaba xunto á gasolineira, unha decisión que agora criticou o Partido Popular de Pontevedra.

O seu portavoz local, Rafa Domínguez, acompañado dos concelleiros da súa formación Pablo Fernández e Martín Martínez e de varios veciños do barrio, visitou na tarde do mércores a zona para comprobar o que cualifica de problemas de tráfico e tránsito.

A supresión da rotonda fai que os condutores que por alí circulan teñan que ir ata a Avenida de Compostela por unha banda ou a ponte das Correntes polo outro para virar e "isto provoca que se dificulte a circulación e crense caravanas innecesarias", sostén Domínguez.

A esta situación, engade o PP, súmase o mal estado do viario e tamén dos aparcamentos disuasorios que alí se atopan e que son usados cada día por un gran número de condutores.