O grupo provincial do Partido Popular denunciou este venres que os datos de 2018 do número de residuos que os concellos envían a Sogama volven a demostrar, "un ano máis, o fracaso estrepitoso do Modelo Revitaliza do Bipartito da Deputación de Pontevedra". Así o manifestou o voceiro do grupo, Ángel Moldes, que criticou que a provincia de Pontevedra "a pesar de ser onde máis se gasta nun modelo de compostaxe, é a peor provincia galega".
Critica que o goberno provincial PSOE-BNG "leve gastados máis de 10 millóns de euros" e que, paradoxicamente, os dous concellos da provincia que máis reducen os envíos a Sogama sexan Marín e Vilanova de Arousa, que non forman parte del.
Entende que non poden xustificar este gasto nun plan cuxo logro se limita a diminuír unhas poucas toneladas en poucos concellos, circunstancia que tamén se da noutros concellos que non forman parte desta iniciativa.