O PP cre que non lles deixan acceder aos edificios centrais do Museo "para ocultar cinco anos de abandono"

Pontevedra
22 de decembro 2019

A Deputación alega riscos de seguridade para as persoas á petición do grupo provincial de visitar os edificios Castro Monteagudo e García Flórez 

Pepa Pardo e Jorge Cubela nun pleno da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

A deputada provincial do Partido Popular Pepa Pardo denunciou a prohibición de acceso aos edificios centrais do Museo de Pontevedra decretada pola Deputación "a xustificación é un risco de seguridade para as persoas, pero a realidade é que intentan ocultar cinco anos de abandono".

A Deputación respondeu á petición do grupo provincial de visitar os edificios Castro Monteagudo e García Flórez sinalando que este ano se decidiu "que as funcións que habitualmente desempeñaba o persoal subalterno nos referidos edificios se desprazasen ao edificio Fernández López e mesmo as instalacións de seguridade e vixiancia se trasladasen ao Sexto Edificio na liña de minimizar riscos e reforzar a seguridade para as persoas", segundo se recolle na comunicación enviada ao Partido Popular.

Os deputados populares presentaron unha petición de acceso na comisión de cultura do día 22 de novembro sen que esta fora contestada, e reiteraron a petición, por escrito, o 3 de decembro. A resposta chegou o 9 de decembro.

Nembargantes Pepa Pardo di que "os operarios entran e saen dos inmobles sen restricións nin medidas de seguridade de ningún tipo" polo que conclúe que "o PSOE e o BNG intentan evitar que comprobemos como deixaron podrecer o corazón e a alma do Museo de Pontevedra", sinalou a deputada provincial.

"Queremos saber en que estado se atopan os edificios, como quedaron tras esta deixadez e esta falta de proxecto, con promesas incumpridas unha e outra vez desde que o bipartito se fixo cargo do Museo", engadiu Pardo. A deputada tamén fixo alusión de novo á idea lanzada polo BNG case cinco anos despois de acceder ao goberno para construír túneles entre os edificios.

"Falamos dunha idea faraónica nunha zona fortemente protexida pola Dirección Xeral de Patrimonio. Nin hai proxecto nin hai orzamento. Cinco despois non hai nada", afirmou.

A deputada insistiu na necesidade de priorizar a recuperación dos edificios centrais fronte a construción de novas instalacións do Museo, en referencia ao proxecto presentado para un edificio en Valdecorvos, ás aforas da cidade.

Nese sentido, referiuse ao convenio subscrito entre Concello de Pontevedra e a Deputación para a ampliación do Museo e que desliga as actuacións nos edificios centrais e en Valdecorvos, por se a idea na mazá cultura resulta inviable. "Están recoñecendo que ten moitas dificultades e non teñen nada claro nin estudado", concluíu.