O PP comparte o enfado veciñal polas obras de saneamento en Santo André de Xeve

Pontevedra
06 de agosto 2020

As súas casas atópanse por baixo do nivel da rede xeral e a unha distancia superior a 50 metros, o que obriga ao bombeo

Rafa Domínguez cun grupo de veciños de Santo André de Xeve PP de Pontevedra

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniuse con preto dunha trintena de veciños de Santo André de Xeve, que lle comunicaron que non se poderán conectar á rede de saneamento e que vense obrigados a correr cos gastos da instalación de bombas para evacuar as augas negras dos seus domicilios.

As súas casas atópanse por baixo do nivel da rede xeral e a unha distancia superior a 50 metros, o que obriga ao bombeo.

Rafa Domínguez urxiu ao Concello unha rede de saneamento "digna e accesible" que abarque a totalidade do rural pontevedrés.

Segundo o portavoz do grupo municipal do PP, "non podemos permitir que centos de casas queden fose do proxecto de saneamento e que o  Concello o único que faga é remitir cartas aos veciños con orzamentos de 5.000 euros para conectarse á rede".

Domínguez pediu que se atendan as necesidades veciñais, ao valorar que "é inxusto que debido a un proxecto ineficiente sexan eles os que teñan que pagar o conectarse á rede de sumidoiros e sexan obrigados a bombear".

"Compartimos cos veciños o enfado, e vemos inxusto que sexan eles os que teñan que sufragar os gastos de conectarse á rede de sumidoiros", detallou Domínguez.

Afirma o portavoz popular que o  Concello o único que está a facer é remitir cartas aos veciños con orzamentos para que se conecten á rede. "No mesmo documento, a empresa xa alerta da multa á que se enfrontan os veciños, ata 10.000 euros, se non realizan a obra orzada por eles mesmos", argumentou Domínguez.

"Todos os proxectos que presente a concesionaria deben ser supervisados por técnicos municipais e o  Concello debe esixir correccións e abandonar o inmobilismo no que está instalado", rematou Domínguez.