O Partido Popular denunciou a "paralización" do proxecto de acondicionamento da estrada provincial EP 9401, no tramo entre Mosteiro e Arcos, en Meis, e o fixo coa colocación de un cartel que "evidencia a parálise total do bipartito da Deputación de Pontevedra", sinalou o voceiro do grupo provincial, Ángel Moldes.
Foi este martes durante unha rolda de prensa na que, xunto co alcalde de Meis, Jose Luis Pérez, a tamén voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, e os deputados do Salnés, Salomé Peña e Luis Aragunde, quixeron "simbolizar o que era antes a Deputación de Pontevedra, e no que se ten convertido na actualidade.
"Antes na comarca e tamén neste concello se colocaban carteis de obra financiada ou obra rematada, e agora dous anos despois, con este bipartito, temos que vir a colgar carteis de obra paralizada", sinalaron.
Moldes incidiu en que "esta é a sintonía desta nova Deputación. Hai unha obsesión con destruír todo o anterior, parar todos os proxectos que estaban en marcha, pero a realidade é que aos únicos que están prexudicando con esta actitude son os veciños".
Precisamente, o alcalde de Meis, Jose Luis Pérez, destacou o "malestar e o enfado" dos veciños desta estrada provincial. Criticou que despois de dous anos, cando lles tiñan anunciada a adxudicación e o inicio das obras, "paralizan o proxecto sen previo aviso e sen razón xustificada". Nesta liña, dixo que as razóns que se inclúen no informe "son cuestións que se puideron ter solucionado neste tempo". Ademais, considera unha falta de respecto "que non se puxeran en contacto co Concello de Meis para buscar unha solución ou, polo menos, para explicar cales son os motivos polos que suspenderon a obra".
Nidia Arévalo esixiu á presidenta da Deputación, Carmela Silva e ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, "que se poñan a traballar, que se senten e poñan en marcha todas as obras que están paralizadas na provincia". Ademais, recordou que a partida orzamentaria destinada para obras reduciuse neste tempo en 5 millóns de euros.
Os populares animaron ás agrupacións locais do PSOE e BNG de Meis a "facerse oír", a defender os intereses dos veciños na Deputación e que faga un chamamento á presidenta para que executen esta obra.