O PP colga o cartel de "obra paralizada" na estrada provincial de Baión

O Salnés
07 de abril 2017

O voceiro popular Luis Aragunde critica que o goberno da Deputación paralice a obra de Baión "dous anos despois e sen buscar unha solución co goberno local". O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán anuncia medidas legais

O PP cambia o cartel que anunciaba as obras na estrada provincial de Baión polo de obra paralizada PP provincial

O Partido Popular denunciou este venres a paralización do proxecto de ensanche e mellora da estrada EP 9701, entre Baión e András, en Vilanova de Arousa, e o fixo coa colocación de un cartel que "evidencia a parálise total do bipartito da Deputación", sinalaron desde o grupo provincial.

O deputado do Salnés, Luis Aragunde, acusou ao goberno provincial de estar paralizando toda a provincia e denunciou que, ademais, o están facendo de costas aos alcaldes, sen diálogo e sen ningún tipo de explicación.

"Despois de case dous anos, cando o proxecto xa tiña que estar rematado, presentan agora uns informes con uns criterios moi cuestionables para paralizar a obra. E o peor de todo, é que a paralizan sen falar co alcalde", criticou. Para Aragunde, o normal neste caso sería reunirse co goberno local, expoñer se existe algún problema e intentar solucionalo.

Con este cartel, os populares quixeron "simbolizar" o que era antes a Deputación de Pontevedra, "e no que se ten convertido na actualidade".

O alcalde, Gonzalo Durán, recordou que, pese a estar contratada a obra desde o verán de 2015, non comezaron as obras. "É unha decisión política", sinalou, xa que o informe non o presentaron ata agora. Ademais, cuestiona as razóns coas que intentan xustificar a paralización da obra, porque "hai xa terreos cedidos e hai tamén informe de impacto ambiental". Outras das cuestións que critica é que o documento non está asinado polo director da obra, "senón por un técnico recentemente chegado á institución provincial".

"Como non se está cumprindo coa lei, desde Vilanova imos tomar todas as medidas legais para impedir que lle quiten aos veciños de Baión un investimento de 1,7 millóns de euros", engadiu o alcalde. Ademais, pediu que se aclare "a onde vai o diñeiro que sae das obras de Baión".

Pola súa parte, a voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, esixiu ao goberno da Deputación "que se poñan a gobernar e traballar, porque estamos na metade de mandato e teñen a provincia paralizada" e recordou que os principais prexudicados son os cidadáns.