O PP aporta "confianza, certezas e proxecto", destaca Rueda en Ponte Caldelas e Vilaboa

Ponte Caldelas
26 de xuño 2020

Acompañado polos voceiros municipais en ambos concellos, Antón Xil e Alberto Acuña, Rueda asegurou que estas eleccións serán "decisivas" para Galicia, porque o goberno que elixan os cidadáns "terá que xestionar a reconstrución" tras a pandemia do coronavirus

Mitin de Alfonso Rueda en Ponte Caldelas Partido Popular de Pontevedra

Con dous mitins en Ponte Caldelas e Vilaboa, o presidente do Partido Popular en Pontevedra, Alfonso Rueda, iniciou a campaña electoral cara as eleccións galegas do próximo 12 de xullo. Fíxoo asegurando que o PP ofrece un goberno que aporta "confianza, certezas e proxecto".

Acompañado polos voceiros municipais en ambos concellos, Antón Xil e Alberto Acuña, Rueda sinalou que estas eleccións serán "decisivas" para Galicia, porque o goberno que elixan os cidadáns "terá que xestionar a reconstrución" tras a pandemia do coronavirus.

A situación actual, segundo o número 3 da candidatura por Pontevedra, "non é o momento de probar experimentos" senón de apostar "por quen converteu a Galicia nunha comunidade solvente" tras a crise económica de 2009.

"A anticipación da Xunta foi determinante, pero tamén foi fundamental todo o investimento na sanidade pública galega dos últimos dez anos", explicou Alfonso Rueda, que defendeu que máis do 40% do total do orzamento da Xunta se destina á sanidade.

Ademais, sinalou que hoxe se inviste máis en políticas sociais que nunca e que actualmente hai a mellor educación pública da historia de Galicia. "Por moito que a outros lles moleste, estas son as certezas do Goberno de Feijóo", sinalou o dirixente do PP.

Rueda incidiu en que o PP "ten un programa, un proxecto claro, experiencia e un equipo preparado para traballar desde o primeiro momento e sen improvisacións", polo que pediu que a cidadanía se mobilice polo futuro de Galicia e "non se fíe" das enquisas electorais.