O presidente local do Partido Popular e portavoz municipal, Rafa Domínguez, alertou do problema que supón para o comercio local a falta de aparcamento e de transporte público. Foi un dos temas abordados na xuntanza que mantivo este mércores con representantes da Zona Monumental de Pontevedra co fin de continuar pulsando as ideas e tamén as necesidades dos sector empresarial da nosa cidade.
"O comercio local é un dos motores económicos de Pontevedra e por iso consideramos importante escoitalo, coñecer as súas necesidades e recoller as súas impresións", sinalou Domínguez tras comprobar que "unha vez máis se repiten as mesmas opinións" que en pasadas reunións con outros colectivos como Cámara de Comercio, AJE Pontevedra ou Aempe.
"En Pontevedra non hai oportunidades, en Pontevedra non hai traballo, en Pontevedra non hai empresas. Pontevedra pouco a pouco se vai apagando", destacou.
Domínguez manifestou que a zona monumental "está conformada por un entorno único, pero cremos que hai cousas nas que mellorar e un destes puntos que afecta directamente ao comercio local é o aparcamento" e engadiu que en Pontevedra "aparcar supón un problema e tampouco contamos con transporte público urbano que axude a paliar esta deficiencia".
"Os clientes precisan máis facilidades pois se se lle poñen trabas, non veñen a Pontevedra. Debemos buscar fórmulas para que se animen a vir, para que poidan ir andando a mercar ao noso comercio local pero que poidan ter o seu vehículo preto para cargar as compras", puntualizou.
Ademais, segundo o PP, a zona monumental precisa un plan de rehabilitación "que xere ilusión e oportunidades" e potenciar este entorno para conseguir así que veñan máis turistas e que pernocten en Pontevedra.