Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, denunciaba este martes a redución realizada polo goberno local no anticipo das axudas económicas para as escolas deportivas municipais na convocatoria 2023-2024.
Segundo expuxo o representante do PP, trátase dun "novo desprezo" ao deporte base por parte do goberno que lidera Miguel Anxo Fernández Lores. Ata o de agora a axuda que percibían os clubs como adianto alcanzaba o 30% da subvención, agora a cifra sitúase nun "ridículo" 10%, argumentou Juncal.
Indica que se trata da primeira vez que se realiza unha rebaixa nesta cantidade que os clubs poden solicitar como adianto, dentro das bases recollidas na subvención, para que as entidades se enfronten aos gastos que consideren inaprazables. Juncal entende que esta achega axuda a "aliviar a carga económica do desenvolvemento da actividade deportiva que se estende desde o 2 de outubro ata o 31 de maio".
Guille Juncal advertía de que se trata dunha rebaixa que afecta á "maltreita economía" das entidades deportivas, que sofren recorrentes atrasos nas subvencións de fomento da actividade deportiva, sumando xa tres convocatorias de atrasos.
Tamén sinalaba que os clubs seguen sen cobrar a totalidade da subvención das escolas deportivas municipais da anterior convocatoria, finalizada o 31 de maio.
Os populares consideran que "se as arcas municipais se atopan baleiras, o máximo responsable é o alcalde" e lamentan o atraso nas subvencións; a xestión do mantemento das instalacións deportivas; e o aumento nas partidas destinadas ao fomento da práctica deportiva, insistindo en que levan unha década conxeladas.
Guille Juncal demanda a Anabel Gulías, concelleira de Deportes, que cambie a folla de ruta. O representante popular tamén mostrou a súa preocupación polo accidente que sufriu un menor aoresultar ferido pola caída dunha portería nas pistas de Monte Porreiro. Anunciou que o PP presentará unha moción para demandar a revisión e mellora das instalacións.