O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, mantivo unha reunión con máis de cincuenta veciños das parroquias de Mourente e de Borapara analizar a decisión adoptada polo pleno tras presentar o PP unha moción reclamando a rede de sumidoiros para varios lugares destas zonas do municipio.
O Partido Popular entende que os veciños ven con desconfianza o acordo adoptado pola corporación municipal no pleno e teme que sexa unha forma de que o alcalde evite as súas responsabilidades nestas parroquias.
Os concelleiros populares explicaron aos veciños que a moción do PP foi emendada polo equipo de goberno de forma que se condiciona a actuación a que a Xunta se implique economicamente. Segundo os representantes do Partido Popular a intervención da rede de saneamento é unha competencia exclusivamente municipal e xa contou co apoio da administración autonómica a través de dous convenios nos que o goberno de Feijóo achegou dez millóns de euros.
Segundo Jacobo Moreira, o alcalde de Pontevedra "prefire investir no centro urbano, en festas ou en competicións deportivas" en lugar de mellorar o saneamento do rural. Engadiu que o Concello tamén ten asinando un convenio co Ministerio de Fomento para a habilitación da rede de rede de sumidoiros na N-541 para facerse coa titularidade da vía e dotar á zona do abastecemento da auga, saneamento e outros servizos. Os populares consideran que agora Fernández Lores intenta trasladar o problema ao goberno da Xunta.