Paso adiante no Pleno para completar o saneamento nas parroquias de Mourente e Bora
Os veciños de Mourente e Bora que carecen de saneamento, moitos deles presentes no Pleno deste luns, lograron un notable apoio ás súas reivindicacións. Tras ameazar con mobilizarse se non encontraban resposta ás súas demandas, a corporación municipal aprobou por unanimidade dirixirse ás tres administracións implicadas neste proxecto, o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o propio Concello, para que busquen unha solución.
En concreto, instan a Fomento a cumprir o convenio asinado con Pontevedra en materia de estradas, que inclúe a humanización da N-541, unha actuación aínda pendente de afrontar. Ademais, o goberno municipal comprométese á redacción e licitación deste proxecto de saneamento e a darlle prioridade dentro do novo convenio de saneamento para o rural pontevedrés e cuxa firma, todos os grupos políticos, esixen á Xunta de Galicia.
Foi despois de que o Partido Popular presentase unha moción, ampliada posteriormente polo BNG, para que o goberno municipal dotase dunha completa rede de saneamento aos veciños do Pazo, Carabelos e Eirós (Mourente), no ámbito da N-541, e aos habitantes de Eirados, A Corbal e O Teso (Bora), que demandan dende hai anos, segundo Jacobo Moreira, que se lles proporcione este servizo básico, "algo que les corresponde por derecho".
Moreira asegurou que "no es una obra de lujo, sino un servicio esencial" e acusou o goberno de Fernández Lores de deixar estes núcleos de poboación fóra do convenio de saneamento asinado pola Xunta de Galicia. O voceiro do PP destacou ademais que o Concello de Pontevedra se comprometeu con Fomento en 2009 a redactar e licitar un proxecto para esta zona, valorado en 900.000 euros, "algo que sigue sin ser cumplido cinco años después".
Demetrio Gómez Junquera (BNG), ante estas críticas, quixo destacar o "esforzo" realizado nos últimos anos para que o 93% dos habitantes de Pontevedra "poidan conectarse ao saneamento", e apuntou que para dar servizo ao 7% restante faría falta uns 20 millóns de euros. Se trata dun investimento, dixo, que o goberno municipal "non pode realizar só, sen o apoio doutras administracións,".
Tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo intervir neste punto para recordar que hai quince anos cando o BNG accedeu á alcaldía "nin un só veciño do rural" tiña conexión co saneamento, mentres que actualmente o teñen máis de 19.000 persoas "e só quedan mil e pico". Fronte a isto, sinalou, houbo "40 anos de goberno do PP, incluindo o franquismo," onde non se abordou esta cuestión "a excepción do colector da Brilat que tantos problemas nos dá".
Neste sentido, dende as filas do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, tamén asegurou preocuparse polas demandas dos veciños, pero rexeitou que a responsabilidade pola falta de saneamento nestas zonas sexa só do Concello de Pontevedra. Ademais, recordou que foi un socialista, Pachi Vázquez como conselleiro de Medio Ambiente, o primeiro en preocuparse polo rural pontevedrés en materia de saneamento.
Relacionadas:
-
Veciños de Mourente e Bora lamentan a "actitude indolente" dos políticos ante os seus problemas
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento comezará as obras de mellora na N-541 en Mourente a finais deste ano
Por Oskar Viéitez |
-
O PP afirma que os veciños de Mourente e de Bora temen que o Concello os deixe sen saneamento
Por Redacción |
-
Unha pregunta do PP a Lores no Pleno desencadea unha discusión entre o alcalde e Louro
Por Redacción |
-
BNG e PSOE celebran o "espírito construtivo" de María Biempica e o PP opta por ignorala
Por Redacción |
-
O PP pedirá en Pleno ao goberno local que dote de orzamento o saneamento de Mourente
Por Redacción |
-
Cincocentos veciños de Mourente demandan unha rede de saneamento
Por Oskar Viéitez |