O Partido Popular de Ponte Caldelas critica a mala xestión do goberno local ao pechar o exercicio de 2018 cunha débeda recoñecida de 1.396.000 euros, con tres préstamos, dous deles da Deputación Provincial, por importe de máis de 844.300 euros. Ademais, sinalan que se rexistran facturas pendentes de pagamento por un importe de 256.647 euros.
Os populares cualifican de "desorbitado" o pagamento de amortización de crédito, que pasa de 140.000 a 240.000 euros. O PP, a través de Antón Xil, considera que a mala xestión de Andrés Díaz se reflicte no pleno extraordinario celebrado este luns no recoñecemento extraxudicial das facturas pendentes de pago correspondentes a 2018. Ademais, sinala que estas actuacións contan co informe negativo de intervención ao faltar suficiente dotación orzamentaria en partidas como a eléctrica e a recollida de lixo.
Xil critica que os investimentos se realizan no apartado de festas e apunta cara o orzamento aprobado para este ano en que o alumeado festivo incrementouse en 10.000 euros para situarse en 30.000; os eventos gastronómicos chegan ata os 40.000 euros ao igual que o Rallie, mentres que as excursións chegan aos 25.000 euros.
RESPOSTA DO GOBERNO DE ANDRÉS DÍAZ
"Os recoñecementos extraxudiciais son habituais en todos os gobernos", afirman desde o goberno do socialista Andrés Díaz que lembra que o anterior equipo de goberno do PP tiña recoñecementos extraxudiciais todos os anos a principio do exercicio.
O goberno local xustifica que o importe sexa un pouco máis elevado do habitual debido á inclusión das indemnizacións derivadas das sentenzas xudiciais sobre o Centro de Información á Muller (CIM), unha situación da que culpa ás irregularidades con dous traballadoras deste organismo durante o mandato do PP.
O resto das facturas recoñecidas durante o pleno se derivan, segundo o grupo de goberno, da actualización da tarifa da concesionaria do servizo de recollida de lixo e gastos complementarios no consumo da rede de iluminación pública e facturas de provedores presentadas tamén fóra da anualidade.
Desde o goberno tripartito alertan que no Pleno extraordinario deste luns, cunha duración de só 5 minutos, o grupo municipal do PP abstívose na votación e, desta forma, recoñece a "total normalidade" da xestión económica do Concello.