A bandeira do arco da vella xa loce no porto deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar. Esta dársena recreativa do Grove é, segundo destaca a Xunta de Galicia, o primeiro de España en izar permanentemente este símbolo de respecto e respaldo ás persoas LGBTIQ+.
Nun acto que estivo presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, o Club Náutico de San Vicente deu un paso fundamental para mostrar a súa implicación na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.
Este xesto pioneiro, segundo subliñou a titular de Mar, converte a este porto "nun espazo de tolerancia no que se asegura a igualdade e un feito a favor do respecto aos dereitos sexuais como dereitos humanos fundamentais recoñecidos".
A representante do goberno galego manifestou a importancia de que este tipo de mostras sirvan como exemplo a outras entidades portuarias e a outros axentes socioeconómicos do litoral nacional co fin de seguir avanzando no recoñecemento da riqueza que ofrece a diversidade.