O porto de Vilagarcía acaba de pechar o mes de xullo cun incremento dos seus tráficos de 200.000 toneladas con relación ao mesmo período do pasado ano. No total de tráfico portuario, os sete primeiros meses do exercicio péchanse con 845.355 toneladas movidas, mentres que entre xaneiro e xullo de 2020 contabilizáronse 644.974 toneladas de tráfico portuario. En porcentaxe, a subida é do 31%.
Por categorías, tanto a mercadoría xeral como os graneis sólidos experimentan subidas próximas ao 40%. Os graneis líquidos pechan tamén en positivo, cun incremento acumulado do 2,67%.
Na mercadoría xeral, o maior incremento porcentual corresponde ao aluminio, que practicamente duplica os seus rexistros do pasado ano contabilizándose máis 150.000 toneladas, mentres que o taboleiro sobe case un 80% e achega 143.103 toneladas a esta categoría. En canto aos contedores, sitúanse con 167.769 toneladas como o produto con maior peso na categoría de mercadoría xeral. En TEUs, movéronse un total de 19.208, o que supón un 5,8% menos que nos sete primeiros meses do pasado ano. Globalmente, a mercadoría xeral sobe un 39,37% e continúa en cifras récord no porto de Vilagarcía.
Na categoría de graneis sólidos, só os cereais están lixeiramente por baixo da súa cifras de 2020, cun descenso do 12% e un total de 26.523 toneladas. Esta baixada compénsase cos excelentes resultados noutros produtos desta mesma categoría, que posibilitan un peche en positivo do período xaneiro-xullo. Así, o cuarzo achega 83.061 toneladas (+51,7%), a urea, 62.535 t (+42,3%) e o cemento máis de 40.000 toneladas (+19,9%). O incremento porcentual nesta categoría é do 37,88%.
Finalmente, na categoría dos graneis líquidos, o metanol encabeza o balance de tráficos nos sete primeiros meses do ano, con case 54.500 toneladas e unha suba do 43,5% con relación ao ano anterior. As súas boas cifras, xunto coas da parafina, cuxos tráficos se incrementan case un 90%, permiten compensar o descenso no movemento de aceite e pechar os sete primeiros meses do ano en positivo, cunha lixeira subida do 2,67%.
As 469.010 toneladas contabilizadas no capítulo da mercadoría xeral supoñen a peche de xullo o 55,8% do total de mercadorías, mentres que os graneis sólidos achegan a este cómputo o 26,8% do total de toneladas e os graneis líquidos, o 17,4% restante.
REXISTROS DE XULLO
En canto ás estatísticas do mes de xullo, movéronse un total de 114.169 toneladas, o que supón un 23% máis que no mesmo mes do pasado exercicio. Desta cantidade, 69.696 toneladas corresponden á mercadoría xeral, mentres que nos graneis sólidos contabilízanse 25.486 toneladas e nos graneis líquidos rózanse as 19.000 toneladas.
Con este peche do mes, o porto de Vilagarcía encadea sete meses de subida de tráficos, superando as 100.000 toneladas en todos os meses deste ano salvo en xaneiro. Outro dato subliñable é que a estatística provisional a peche de xullo non só mellora os datos de 2020, senón tamén os de 2019, ano no que Vilagarcía estableceu o seu actual récord anual de tráficos portuarios. A diferenza acumulada ao 31 de xullo de 2021 fronte a mesma data de 2019 no total de tráfico portuario achégase ás 90.000 toneladas.