O Porto de Marín incrementou os seus tráficos nun 4,3% no 2021

Marín
28 de xaneiro 2022

O aumento do tráfico de graneis sólidos e de pesca fresca lideran o ranking de incremento de mercadorías nun ano no que o Porto logrou superar o obxectivo dos dous millóns de toneladas

Barco mercante atracado no Porto de Marín Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

O Porto de Marín experimentou un crecemento do 4,33% no seu movemento de mercadorías en 2021 con respecto ao exercicio anterior. O volume total de tráfico ascendeu a 2.178.245 toneladas, superando holgadamente o obxectivo de pasar os dous millóns de toneladas, segundo explicou o presidente Jose Benito Suárez Costa. 

Por grupos de mercadorías, destaca o incremento dos graneis sólidos, que subiron un 10,67%. A iso contribuíron as descargas de acha e os cereais e fariñas que seguen sendo unha das principais mercadorías de Marín, centro loxístico de recepción e distribución para granxas e explotacións gandeiras de toda Galicia.

En canto á mercadoría xeral convencional, produciuse tamén un aumento do 3%. Entre elas  destacan os compoñentes eólicos e os produtos  siderometalúrgicos. “Marín é xa un porto plenamente consolidado no tráfico de mercadorías de alto valor engadido e que requiren dunha operativa complexa e moi especializada que podemos ofrecer grazas aos servizos cos que conta o porto e á alta profesionalización dos operadores”, sinalou Suárez Costa.

A pesca fresca tamén destaca en 2021 cun aumento moi significativo de vendas en lonxa, alcanzando un 44%de crecemento con respecto a 2020. A este respecto, o presidente afirmou que “a recuperación da pesca fresca é un dos principais retos nos que vimos traballando na Autoridade Portuaria, sobre todo porque é unha prioridade social e económica".

Por outra banda, no balance anual consolídase a importancia do ferrocarril no Porto de Marín, líder da intermodalidade en Galicia, con 294.000 toneladas de mercadoría que saíron por tren durante 2021 (graneis agroalimentarios e bobina de chapa de aceiro na súa maioría) ás que se lle suman 24.000 toneladas que entraron no porto por esta vía, neste caso fundamentalmente madeira e contedores.

Estes son os principais datos do informe de xestión que o presidente Jose Benito Suárez Costa, expuxo ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria na súa reunión mensual. O presidente sinalou que “a pesar das dificultades da situación actual, cumpriuse o obxectivo de superar os dous millóns de toneladas e continuar coa senda de crecemento do porto”.