O Porto de Marín adaptará a súa rede ferroviaria para que opere de forma automática e remota. Para iso contratou á empresa Thales.
Grazas a este proxecto de automatización e monitorización que acaba de comezar o Porto contará cun xestor dixital de axuda á explotación ferroviaria da rede de vías do interior da rada. O proxecto conta con 15 meses de prazo de execución e pouco máis de dous millóns de euros de orzamento.
O Porto de Marín é o primeiro de Galicia en utilización do tren e un dos primeiros de todo o sistema portuario do país no que se refire a porcentaxe de mercadorías en ferrocarril respecto ao total operado anualmente no Porto.
Desde a Autoridade Portuaria destacan que a automatización do Porto de Marín é "un ambicioso proxecto que supoñerá importantes melloras en dous aspectos esenciais, grazas ao cesamento das operacións manuais dos desvíos". Por unha banda, en canto á seguridade laboral dos traballadores, ao substituír elementos mecánicos que requiren esforzo manual por motores cuxo uso require formación específica. Doutra banda, en canto a eficiencia, xa que permitirá aforrar tempo e custos de manobras.
Para levalo a cabo dotarase a operativa ferroportuaria dun xestor dixital de axuda á explotación que integre a automatización dos elementos mecánicos, a sinalización e as comunicacións mediante fibra óptica. Do mesmo xeito, o sistema encargarase da verificación do seu estado, así como a monitorización local e central de toda a actividade ferroportuaria.
O proxecto incluirá a motorización de cambios de agulla, así como a instalación do equipamento asociado para a mellora e simplificación da operativa, o que permitirá a monitorización central da presenza de trens na zona do haz de vías do recinto.