O encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, a Pont-Up Store, terá lugar o 23 e 24 de setembro na praza de España e buscará mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia.
Este luns presentouse no Concello de Pontevedra o programa de actividades nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Promoción Económica e Igualdade, Yoya Blanco; a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store.
En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 4 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, onde un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.
O Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas.
Dentro das actividades programadas destaca o primeiro escape room cultural ao aire libre de Galicia, unha experiencia especialmente deseñada para a cidade de Pontevedra.
O encontro ofrecerá tamén a oportunidade de facer un primeiro achegamento ás posibilidades de internacionalización ao alcance dos novos emprendementos galegos. Tamén se desenvolverán como en edicións anteriores os obradoiros de R enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás.
Este encontro de emprendemento estivo aberto á participación de empresas contistuídas nos últimos tres anos e medio, constatando os organizadores a existencia dunha serie de proxectos"a los que les faltaba un punto de madurez, derivado de estos dos años de covid-19 y restricciones", explicou Figueroa.
Isto motivou que desde a organización do evento se optase por recuperar "una serie de actividades formativas" sobre cuestións "como la viabilidad económica, el marketing, las ayudas y subvenciones o las fórmulas de cooperativismo".
Por último, Yoya Blanco destacou que preto do 80% dos proxectos presentados á Pont Up Store están liderados por mulleres. A isto súmase que tan só hai 20 homes entre os 70 relatores participantes nas diferentes actividades.