A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou o contrato para a posta en servizo das instalacións e equipos necesarios da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono de Barro, así como para a explotación e mantemento das instalacións de abastecemento de auga potable (ETAP) do parque empresarial.
O contrato foi adxudicado á UTE formada polas empresas Hidrantia, Xestión Integral da Auga S.L. e Organización e Xestión de Proxectos e Obras S.L., por un orzamento de 155.808,49 euros.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que este polígono vai ter xa todos os servizos básicos para poder dar unha "calidade ampla de prestacións".
Tamén lembrou que cando socialistas e nacionalistas chegaron ao goberno provincial, "tiñamos un espazo pero nin estaban os servizos básicos postos en marcha nin había ningún traballo realizado, formando parte desa herdanza á que tivemos que facer fronte".
Agora o polígono de Barro xa conta con todos os servizos, "cunha alta cualificación e con firmas que se están asentando que son unha gran referencia en moitos eidos do mundo empresarial".
A presidenta explicou máis polo miúdo que esta contratación vai permitir a posta en marcha de todos os sistemas da EDAR, incluíndo as estacións de bombeo de augas residuais, o seu mantemento e a retirada dos residuos xerados pola planta de depuración, entre outras actuacións.