O pleno esixe liberar de peaxe a AP-9 desde Pontevedra ata Curro e Vilaboa

Pontevedra
20 de maio 2024

Nun ton máis cordial do habitual e cunha sesión de apenas unha hora de duración, os edís de PP, BNG e PSdeG-PSOE apoiaron por unanimidade a moción presentada polos populares para reclamar ao Goberno a supresión da peaxe entre Pontevedra e Curro (Barro)

Pleno da corporación municipal no Teatro Principal Mónica Patxot

A situación actual da autoestrada AP-9 e, sobre todo, as peaxes que deben pagar os pontevedreses por circular por ela foi o debate central no pleno que a corporación municipal de Pontevedra celebrou este luns no Teatro Principal.

Nun ton máis cordial do habitual e cunha sesión de apenas unha hora de duración, os edís de PP, BNG e PSdeG-PSOE apoiaron por unanimidade a moción presentada polos populares para reclamar ao Goberno a supresión da peaxe entre Pontevedra e Curro (Barro).

Ademais, apoiaron a emenda presentada polos socialistas para esixir que tampouco se cobre aos condutores que circulen cara ao sur, retirando a peaxe en Figueirido (Vilaboa), para mellorar a conectividade da capital da provincia con Vigo.

"Tenemos que mandar un mensaje contundente porque es indecente que tengamos que pagar", sostivo Rafa Domínguez, que reclamou para os pontevedreses o mesmo trato que para Vigo, Cangas ou Redondela, que lograron liberalizar os seus respectivos tramos da AP-9.

O portavoz do PP considera "muy importante" quitar a peaxe ata Curro para facer máis competitivo o polígono de Barro, unir toda a comarca do Salnés con Pontevedra e restrinxir o tráfico pesado na PO-531, onde se producen "dificultades" polo exceso de vehículos.

César Mosquera agradeceu que esta moción chegase ao pleno "limpa e dirixida exclusivamente a liberar a peaxe con Curro", a diferenza doutras ocasións na que se debateu "mesturada con outras cuestións". Asegurou que "por nós non vai quedar" e anunciou o apoio do BNG.

A pesar diso, lembrou que "se falamos da historia da AP-9 estariamos aquí moitos días e choraríamos un pouco", do que responsabilizou aos sucesivos gobernos do Estado.

O socialista Iván Puentes, pola súa banda, afirmou que o desta autoestrada é a "historia dun roubo, dunha hipocresía e dunha mentira", pola decisión do goberno de Aznar de estender a súa peaxe ata 2048, por vendela "a amigos" ou por non suprimir as peaxes.

"Nin unha soa vez pediron ao Goberno do PP que suprimiran as peaxes", lamentou Puentes, que subliñou que os populares "son tremendamente esixentes cando non son gobernan os seus e tremendamente submisos cando están gobernando".

TOMA DE POSESIÓN DE CARMEN HERMO

A sesión plenaria deste luns comezou coa toma de posesión de Carmen Hermo como nova concelleira do PSdeG-PSOE, en substitución de Paloma Castro, que renunciou á súa acta de edil para centrarse nas súas responsabilidades como deputada autonómica.

Ademais, aprobouse a moción socialista para implantar no Concello un sistema interno de información que permita que persoas detecten infraccións penais ou administrativas poidan denuncialo, mantendo a confidencialidade e protexendo ao informante de posibles represalias.