O Pleno do Concello de Poio aproba por unanimidade unha moción contra o peche da explanada da Canteira

Poio
29 de xuño 2022

O Pleno do Concello de Poio aprobou este martes por unanimidade unha moción conxunta do BNG, PSdeG-PSOE e, Avante pola que remitirá á Xunta de Galicia "a nosa desconformidade coa decisión de acopiar o material empregado nas obras do emisario no Porto de Combarro na tempada estival do verán, polos graves prexuízos que vai supoñer pola alta incidencia turística"

Un grupo de turistas en Combarro Mónica Patxot

O Pleno do Concello de Poio aprobou este martes por unanimidade unha moción conxunta do BNG, PSdeG-PSOE e, Avante pola que remitirá á Xunta de Galicia "a nosa desconformidade coa decisión de acopiar o material empregado nas obras do emisario no Porto de Combarro na tempada estival do verán, polos graves prexuízos que vai supoñer pola alta incidencia turística".

Por iso, o Concello de Poio solicitará a Portos de Galicia e a Xunta reverter a zona de acopio de material para uso libre de estacionamento como estaba anteriormente unha vez rematadas as obras, "retirando calquera tipo de barreira que prohiba o acceso a zona da explanada".

Ademáis, solicitarán a Portos de Galicia que conceda "de maneira inmediata" o permiso para realizar de urxencia as obras de construcción dun aparcadoiro en paseo as Redeiras.

Actualmente a superficie da explanada anexa ao Peirao da Canteira estaba aberta ao público o que permitía a ordenación do tráfico mediante o estacionamento libre así como o servizo de parada de autobuses. O Concello de Poio tiña iniciada unha solicitude de concesión demanial de terreos en dominio público portuario para a creación de novos espazos de estacionamento. Este trámite foi remitido a inicios do presente ano a Portos de Galicia cos informes urbanísticos pertinentes, sin que a día de hoxe teñan autorización para o inicio das obras que asumirá na súa totalidade este Concello.

A tres días de comezar a tempada estival, Portos pechou o acceso á Canteira así como a explanada para acopio de material para unha obra que vai executar Aguas de Galicia. 

Na moción aprobada este martes sinalan que "esta decisión e peche faise nos peores meses do ano e producindo graves prexuízos ao sector, aos establecementos, á veciñanza e visitantes". E advirten que "este peche tamén terá graves consecuencias sobre o tráfico na PO308, colapsando o tránsito nese tramo".

CASA BARROCA

Nesta mesma sesión ordinaria do pleno deste mes de xuño aprobouse outra moción, consensuada por todos os grupos (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular), para que o Concello remita ao Ministerio de Cultura e Deportes a documentación íntegra que obra no expediente da Casa Barroca de Combarro, instando ao Goberno central a que exerza como propietario deste emblemático inmoble, "expropiado e pagado tal e como consta na documentación existente". 

Esta medida, que xa foi anunciada hai unhas semanas aos colectivos locais de Combarro, lévase a cabo logo de que o Concello constatase que nos dous últimos testamentos da anterior dona das dependencias, que datan da década dos 90, non se incluía ningún ben inmoble situado nesta localidade. Estes documentos unicamente fan referencia a bens mobles, que foron cedidos a dous familiares residentes en Uruguai. "Así pois, constátase que, no momento da redacción dos testamentos, esta muller non se consideraba propietaria de ningún inmoble en Combarro", apunta a moción. 

Á vista dos resultados acadados a través deste labor de investigación, o Concello tamén entende necesario que a Dirección Xeral do Catastro reverta a titularidade da Casa Barroca, pasando á situación de "en investigación". Cómpre lembrar que foi a principios de 2021 cando se modificou a devandita titularidade, o que provocou "desconcerto e preocupación" entre a veciñanza, o tecido asociativo de Combarro e o propio Concello, xa que deste os anos 70 considerábase que a Casa Barroca era de titularidade pública, ao ser expropiada polo Ministerio de Cultura á súa propietaria.

A documentación relativa aos testamentos da antiga dona das dependencias súmase ás indagacións e investigacións que o Concello de Poio impulsou desde que tivo constancia do cambio de titularidade. Desde entón, recopilouse diversa documentación, que fai referencia á tramitación levada a cabo na década dos 70, e que inclúe documentos contables do pago da expropiación, polo que "consideramos que o inmoble é propiedade do Ministerio de Cultura, tal e como a veciñanza entende".

É por iso polo que a Corporación municipal insta agora ao órgano dependente do Executivo central a que “exerza como propietario”, de xeito que se garanta o uso público das instalacións.