O pleno dará luz verde á rehabilitación do lavadoiro de San Amaro

Pontevedra
10 de abril 2018

Tras case cinco anos de tramitación, un convenio cun particular permitirá ao Concello rehabilitar o lavadoiro de San Amaro. O pleno da corporación aprobará este venres o estudo de detalle desta operación que permitirá, segundo o goberno municipal, acondicionar todo este ámbito urbano.

Anabel Gulías, concelleira de Urbanismo en Pontevedra Paula Sanmartín

Tras case cinco anos de tramitación, un convenio cun particular permitirá ao Concello rehabilitar o lavadoiro de San Amaro. O pleno da corporación aprobará este venres o estudo de detalle desta operación que permitirá, segundo o goberno municipal, acondicionar todo este ámbito urbano. 

O convenio urbanístico, que conta con todos os informes favorables -os últimos de Cultura e Patrimonio da Xunta-, permitirá a construción de tres vivendas unifamiliares nun terreo próximo ao lavadoiro e que, no seu día, pertencía á familia de Julio Araújo.

Os propietarios, a cambio deste permiso polo que ademais de reaxustan as aliñacións coa rúa Valdecorvos, cederán terreo lindante co lavadoiro e entregaron ao Concello 105.814 euros.

Ese diñeiro destinarase, segundo Anabel Gulías, á urbanización e acondicionamento da contorna do lavadoiro.

Patrimonio, na súa autorización, considera que esta actuación contribuirá a dignificar as inmediacións da capela de San Mauro, creando un espazo diáfano e respectuoso co templo. Tan só reclaman que se manteña un muro que hai na zona.