O pleno da Lama aproba o establecemento do servizo público do Centro de Día e Fogar Residencial

A Lama
13 de maio 2024

Os edís déronlle luz verde tamén ao convenio horizontal para a licitación do Servizo de Xestión do Punto Limpo cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes e ao Regulamento de Produtividade dos empregados municipais

Pleno municipal da Lama Concello da Lama

A corporación municipal da Lama aprobou no seu último pleno, sen votos en contra, o establecemento do servizo público de Centro de Día e Fogar Residencial, así como o seu regulamento de réxime interior e os criterios de acceso para os usuarios.

Superado este trámite o documento permanecerá agora exposto ao público durante 30 días, tempo no que se poderán presentar alegacións.

Durante o debate sobre este punto a voceira de UCIN, Carlos Riveiro, alegou que o centro de día debería contar cun maior número de prazas solicitando ademais que a súa xestión fose integramente municipal. Respecto desta cuestión o alcalde, David Carrera, argumentou a conveniencia de buscar unha empresa especializada do sector sociosanitario para ofrecer o servizo, para que este fose o mellor posible para os usuarios, tal e como fan a maioría dos concellos.

Noutros puntos tratados no pleno municipal da Lama aprobouse o convenio para a licitación do servizo de xestión do Punto Limpo cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, e o Regulamento de Produtividade dos empregados municipais.

Ademais celebrouse o sorteo das mesas electorais que se conformarán o próximo 9 de xuño con motivo das próximas eleccións europeas.