O pleno da Deputación dá luz verde ao plan de investimento público "máis ambicioso da historia da institución"

Pontevedra
28 de maio 2021

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente de modificación de créditos e a concertación dunha operación de préstamo a longo prazo por importe de vinte millóns de euros, así como as bases reguladoras e a convocatoria do programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a recuperación post-covid, coñecido como ReacPon (Reacciona Pontevedra Provincia)  

Pleno da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente de modificación de créditos e a concertación dunha operación de préstamo a longo prazo por importe de vinte millóns de euros, así como as bases reguladoras e a convocatoria do programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a recuperación post-covid, coñecido como ReacPon (Reacciona Pontevedra Provincia).

Trátase, tal e como destacaron o goberno provincial, do plan de investimento público "máis ambicioso da historia da institución" cun orzamento de 47,2 millóns de euros destinados a impulsar a economía da provincia co obxectivo de xerar actividade e crear ou manter o emprego. 

"Esta potente inyección de recursos se suma a los 168 millones del presupuesto para el 2021", sinalou o deputado responsable de Facenda, o socialista Carlos López Font, e vai dirixida á transformación do territorio para paliar as consecuencias da covid 19. 

O plan conta con dous programas: un dirixido aos concellos, dotado con 20 millóns de euros, e outro ás dotacións da Deputación, que ascende a 27,2 millóns, e que será financiado con remanentes e cunha débeda de 20 millóns que se financiará co crédito aprobado hoxe.

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela, sinalou que "destinar diñeiro aos concellos é un acerto" pero anunciou a abstención do seu grupo por discrepar nas bases que, ao seu xuízo, non garanten a igualdade de oportunidades para todos os concellos.

Segundo dixo Jorge Cubela,  "é un plan para uns poucos e algúns xa están avisados e advertidos" polo que pediu que esta iniciativa "teña os mesmos criterios que o Plan Concellos" descartando esta condición de "madurez" que se lle esixe aos proxectos que aspiren a ser financiados con este plan.

O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera explicou que esta é "unha actuación de choque" e asegurou estar "profundamente sorprendido" pola reacción do PP porque "os criterios son claros e obxectivos" algo que contrapuxo á actuación da Xunta de Galicia.

MOCIÓNS

Por unanimidade aprobouse unha moción do goberno provincial para solicitar a adhesión da Deputación como membro á Asociación de Entidades Locais pola Língua Galega.

Foi rexeitada cos votos en contra do Partido Socialista e do BNG a moción presentada polo Partido Popular na que pedían á Deputación instar o Goberno de España a anular as subidas de impostos que entraron en vigor en 2021, a non implantar peaxes na autoestrada nin nas autovías, nin incrementar nin crear novos tributos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia enviado a Bruxelas.

César Mosquera xustificou o voto en contra dos deputados do BNG afirmando que "nós temos un posicionamento clariño e non imos entrar neste xogo do PP" para o deputado nacionalista "iso corresponde a outros foros".

Igualmente López Font sinalou que os socialistas "categóricamente, estamos en contra de subidas y de establecimientos de peaje pero claro con un partido como el suyo que tiene una doble moral se nos acaba la paciencia" co que fixou o voto en contra desta  "fotocopia de una moción cocinada en Génova"  que, ao seu xuízo é "un ejercicio de hipocresía".

O deputado do PP, Alfonso  Marnotes, foi o encargado de defender esta iniciativa política lamentou a falta de apoios do resto da corporación "alineada co Goberno de Madrid" e reduciu a súa moción, sen éxito, a un rexeitamento das peaxes das autovías, e a un incremento das peaxes.