O pleno da Deputación aproba o novo protocolo de prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo

Pontevedra
27 de abril 2018

Con este protocolo, a Deputación de Pontevedra traballará na concienciación do persoal ao servizo da administración co fin de formar en aras da detección desta clase de condutas, do aumento da sensibilidade ante esta problemática e da promoción da tolerancia cero contra condutas ofensivas e/ou degradantes dentro da entidade

Pleno da Deputación de Pontevedra Xoán Rosales

Por unanimidade a corporación provincial aprobou este venres o novo protocolo de prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo.

Con este protocolo, a Deputación de Pontevedra traballará na concienciación do persoal ao servizo da administración co fin de formar en aras da detección desta clase de condutas, do aumento da sensibilidade ante esta problemática e da promoción da tolerancia cero contra condutas ofensivas e/ou degradantes dentro da entidade.

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, explicou que institución provincial considera necesario previr condutas de acoso no traballo, imposibilitando a súa aparición e erradicando todo comportamento que poida considerarse constitutivo do mesmo no ámbito laboral. O documento tamén marca un procedemento de resolución no caso de ter que actuar ante unha situación de acoso.

Isaura Abelairas quixo facer unha referencia no seu discurso á polémica sentenza de "la manada" para mostrar a súa discrepancia "nin a comprendo nin a comparto".

INSULTOS

Durante o pleno foi abortado pola presidencia un primeiro intento do Partido Popular de abrir un debate sobre as declaracións efectuadas este xoves pola propia Carmela Silva respecto da dimisión de Cristina Cifuentes como presidenta da Comunidad de Madrid.

Con todo noutro dos puntos da orde do día relativo á nova ordenanza do Castelo de Soutomaior, o portavoz do PP, Ángel Moldes conseguiu coar a súa mensaxe para acusar á presidenta de insultar ao Partido Popular pedindo aos membros do goberno provincial que "deixen de utilizar á Deputación como plataforma de confrontación permanente".

"Reflexionen da súa actitude, non é normal", engadiu Moldes. "Non teñen proxectos e fan as roldas de prensa simplemente para insultar", apuntou.

Sen querer rebater estas acusacións, o portavoz socialista Santos Héctor unicamente variou o seu discurso para reclamar ao Partido Popular que "pidan perdón polo espectáculo que están vostedes dando" avergoñando o comportamento do partido conservador. Esta alusión foi contestada polo propio Ángel Moldes con "nosotros verguenza ninguna" ao que engadiu que "e a vostedes esquecéuselle pedir perdón por Elos de Andalucía".

INTERVENCIÓNS ABERTAS

Ao comezo do pleno houbo unha intervención de Fernán Couto, portavoz do comité de empresa da Residencia de Maiores de Campolongo, para solicitar á Deputación que inste á Xunta, responsable deste servizo, que dote a este centro das infraestruturas e dos medios humanos e materiais que permitan corrixir as deficiencias existentes e mellorar a atención ás persoas usuarias.

Igualmente tomo a palabra Juan Manuel Loureiro, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, para pedir a derrogación da Lei de Saúde Pública de Galicia ao entender que esta reforma impulsada polo Partido Popular profunda o proceso de recortes e privatizacións do sistema sanitario galego, contribúe a deteriorar aínda máis a calidade asistencial e "desmantela" os hospitais comarcais.

De maneira consensuada aprobouse unha declaración de apoio ao manifesto da Semana de Acción Mundial pola Educación que propón protexer e facer efectivo o dereito á educación de todos os nenos que se atopan en países afectados por conflitos armados ou catástrofes naturais; aínda hai 264 millóns de nenos sen escolarizar no mundo.