O Plan Social de Ence activa a aceleradora empresarial Ría de Pontevedra a través de AJE

Pontevedra
26 de setembro 2017

Para esta iniciativa van ser seleccionados sete proxectos con menos de 42 meses de existencia e marcados por obxectivos de sostenibilidade ambiental. Estes proxectos serán tutorizados durante tres meses na procura de investimentos que poidan impulsalos

Presentación da aceleradora Ría de Pontevedra en AJE PontevedraViva

A sede da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE) acolleu este martes a presentación da aceleradora Ría de Pontevedra financiada con 20.000 euros procedentes do Plan Social de Ence.

O director territorial da empresa pasteira, Antonio Casal, acompañado polo presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández e o responsable de Eosa, Antonio da Cruz, explicaban esta iniciativa aos promotores de 15 propostas emprendedoras das que se seleccionarán 7 para participar neste proxecto da aceleradora.

As iniciativas empresariais deben contar con menos de 42 meses de existencia, atoparse no ámbito de Pontevedra, Poio e Marín e estar marcadas por obxectivos de sustentabilidade ambiental. Os proxectos seleccionados serán titorizados durante tres meses cunha fase final que se centrará na procura de investimentos que poidan impulsalos para que teñan continuidade.

Antonio Casal afirmou que estaba convencido sobre o éxito dos proxectos que fosen seleccionados. E tamén indicou que os non escollidos para esta proposta tamén contarían con asesoramento e apoio desde AJE coa finalidade de seguir creando riqueza na comarca de Pontevedra.