O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno Provincial na que se mobilizaron 3 millóns de euros en materia de deporte, igualdade, medio ambiente e investimentos nos concellos.
De novo, o Plan + Provincia suma o investimento máis importante con 2,4 millóns de euros para actuacións nos concellos de Cangas, Catoira, Forcarei, Ponte Caldelas, Redondela, Tomiño, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.
Con esta nova mobilización de fondos a Deputación de Pontevedra xa repartiu 35 millóns de euros dos 48,2 cos que está dotado este plan destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes.
Luis López explicou que os fondos se destinarán a arranxar estradas ou camiños municipais, acondicionar locais sociais, renovar servizos urbanos e gasto corrente.
Por outra banda, aprobáronse dúas axudas por 160.000 euros enmarcadas no Plan extraordinario de infraestruturas deportivas e que teñen como beneficiarios aos concellos de Nigrán, que construirá un pump track no Salgueiral, e Tomiño que reformará a cuberta e a fachada do pavillón de Carballa.
Luis López tamén anunciou que se adxudicaron 207 obradoiros a outras tantas federacións e fundacións que solicitaran estas actividades do programa +Xuntas. Son colectivos que pertencen a 53 concellos e chegarán a máis de cinco mil mulleres.
En total a Deputación recibiu 270 solicitudes para participar neste programa +Xuntas ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres na comunidade e as súas condicións de vida, promover o empoderamento e a súa autonomía individual, e crear redes de apoio para impulsar a participación activa, a sororidade e a xeración de vínculos entre as participantes, así como para fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ao compartir vivencias e acabar co illamento.
ERASMUS +
Ademais, Luis López informou da ampliación ata o 31 de maio do 2025 do programa Erasmus +, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea.
Ata o momento 38 estudantes de FP gozaron destas mobilidades europeas e hai outras 86 solicitudes en tramitación.
VISITAS AO AREEIRO
O goberno provincial tamén adxudicou este venres a xestión das visitas á Estación Fitopatológica de Ou Areeiro á empresa Espiral Xestión Cultural por 30.000 euros.
Trátase de 132 visitas gratuítas, de luns a sábado, para grupos de entre dous e trinta persoas cunha duración de dúas horas.
DIXITALIZACIÓN
Fóra da orde do día, Luis López tamén deu conta de tres proxectos de dixitalización que ten en marcha a Deputación de Pontevedra e que está a financiar con fondos europeos.
En primeiro lugar, investíronse máis de 40.000 euros en habilitar un visor de transparencia en 25 concellos "para que poidan cumprir toda a normativa vixente nesta materia". Un segundo proxecto, para o que se destinan 520.000 euros, ofrece a 48 concellos da provincia, unha carpeta cidadá. Trátase dun espazo persoal on-line que facilita ás persoas a relación coas Administracións Públicas permitindo, entre outras posibilidades, consultar diferentes datos persoais e citas previas, acceder a información sobre diversos procedementos, informar sobre notificacións ou do estado dos expedientes en trámite, ou recibir avisos e alertas.
E, por último, cun investimento de 95.000 euros, 28 concellos beneficiaranse dunha plataforma con indicadores de desenvolvemento sostible para avaliar o grao de cumprimento destes obxectivos. Trátase de mapas, datos, cadros de mando que van permitir saber aos goberno locais se van na dirección acertada en sustentabilidade, igualdade e benestar, entre outros contidos.