O plan do PP para o Nadal: un poboado con mercado, atraccións, un gran belén ou luces "más elegantes"

Pontevedra
14 de decembro 2022

Ante unha cidade que "sigue estando triste" e coas luces de nadal "apagadas", o Partido Popular quixo esbozar como sería o seu plan para estas datas do Nadal se, en decembro de 2023, Rafa Domínguez é alcalde de Pontevedra

Rafa Domínguez e Pepa Pardo Partido Popular de Pontevedra

Ante unha cidade que "sigue estando triste" e coas luces de nadal "apagadas", o Partido Popular quixo esbozar como sería o seu plan para estas datas do Nadal se, en decembro de 2023, Rafa Domínguez é alcalde de Pontevedra.

De entrada, segundo Domínguez, a iluminación acenderíase na ponte da constitución e, no caso do próximo ano, sería o venres 2 de decembro, xusto antes dos días festivos. Serían luces "menos burdas y más elegantes", apostando por unha decoración "con más gusto".

A iluminación contaría, segundo o líder do PP pontevedrés, con "elementos distintivos" de Pontevedra e chegaría ademais de maneira "digna" a todos os barrios e parroquias nos que, nestes momentos, "es inexistente o mediocre".

"No queremos copiar a Vigo", asegurou o portavoz popular, senón "diferenciarnos" e atraer a parte dos visitantes que acoden á cidade olívica a ver a iluminación do Nadal, xerando diversos "polos de atracción" por toda Pontevedra.

Así, entre outras propostas, o PP propoñería crear un enorme poboado do Nadal, no que exista un gran mercado no que participen tanto o comercio como a hostalería local. Alí estaría a casa de Papá Noel e dos Reis Magos para recibir aos máis pequenos. 

Dentro deste espazo habería sitio tamén para numerosas atraccións festivas, entre elas unha nora xigante ou unha pista de xeo, segundo detallou Rafa Domínguez.

Outra das iniciativas adiantadas sería animar a que todos os cidadáns sexan partícipes do nadal, para o que optarían por concursos de decoración de comercios, locais de hostalería ou mesmo casas e edificios ou ao mellor disfrace de Papá Noel.

Ademais, o PP móstrase favorable a recuperar o concurso de beléns e, a este respecto, volver instalar o gran belén que se poñía na casa do concello da Praza de España.

Domínguez asegurou que habería medidas sociais enfocadas a que, entre outras cousas, ningún neno en Pontevedra quede sen agasallo ou se reforcen os servizos de respiro familiar ou de conciliación coa creación de numerosas actividades en período vacacional.

Todo iso, desde a óptica puramente administrativa, a partir da unificación nun único contrato de toda a decoración do Nadal da cidade. "Es mucho más inteligente, sería más homogénea y supondría un ahorro importantísimo", sostivo.