O Plan de Mellora de Camiños Municipais arranxará 18 tramos en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
11 de marzo 2020

Cun orzamento de case 35.000 euros, as obras realizaranse durante a primavera e o verán para aproveitar a boa climatoloxía. Este plan beneficiará ás parroquias de Figueroa, Tomonde e Folgoso

Mapa dos vieiros que se van a tratar Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten listo para executar o primeiro Plan de Mellora de Camiños Municipais para o territorio de Cerdedo, que beneficiará ás parroquias de Figueroa, Tomonde e Folgoso e que dará continuidade ás obras realizadas noutros puntos desta contorna nos primeiros meses de 2020.

Esta nova actuación, orzamentada en case 35.000 euros e que se financiará ao abeiro do Plan Concellos da Deputación, executarase concretamente nos lugares de Vilar (Figueroa), Fraguas (Tomonde) e Outeiro (Folgoso) e inclúe a dotación de nova pavimentación nun total de 18 treitos das súas vías públicas que teñen o firme deteriorado. Ademais, está previsto que estas obras se completen, en todos os casos, coa limpeza das marxes e a apertura de gabias para dirixir a escorrentía das augas pluviais.

Este proxecto, deseñado polo goberno local, contempla a dotación de bases de zahorra artificial e de formigonado con mallazo metálico para favorecer a compactación e durabilidade da nova capa de rodadura, a apertura de caixas e o recrecido de tapas de rexistro e o perfilado dos entronques.

O plan atópase pendente de formalizar a súa contratación, pero o goberno local estima que poderá acometerse nas vindeiras semanas. Espérase que as obras se relicen en primavera e verán, para aproveitar o bo clima.