O Plan Concellos, modificado para facilitar recursos contra o coronavirus

Pontevedra
26 de marzo 2020

Os tres millóns de euros que, dentro do Plan Concellos, estaban reservados para amortizacións, gasto corrente e a organización de actividades, vanse derivar á loita contra o coronavirus. Así será, polo menos, se o solicitan os propios municipios

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

Os tres millóns de euros que, dentro do Plan Concellos, estaban reservados para amortizacións, gasto corrente e a organización de actividades, vanse derivar á loita contra o coronavirus. Así será, polo menos, se o solicitan os propios municipios.

A Deputación de Pontevedra remitiu unha carta aos 59 concellos da provincia para informarlles de que esta liña do programa de investimentos será modificada para facilitar o destino dos seus recursos á loita contra o coronavirus.

En total, ata o de agora, os concellos tiñan xa solicitado recursos desta liña por valor de 1,3 millóns de euros, quedando pendentes de resolución outros 1,7 millóns.

Os concellos que xa teñan algunha subvención concedida poderá desistir total ou parcialmente e tamén modificala para destinar os recursos ao que estimen máis prioritario ou urxente no contexto actual. Ademais, os que presentaron solicitude pero aínda non a tiñan resolta por esta situación poderán tamén presentar a súa desistencia ou modificación.

Mediante esta medida, a Deputación pretende flexibilizar os recursos postos a disposición dos concellos, como xa se fixo coas axudas de emerxencia, o plan do servizos comunitarios, a liña de axudas extraordinarias ou os anticipos do fondo de liquidez do ORAL.

TRABALLO REMOTO NA PROVINCIA

A Deputación destaca tamén que os plans tecnolóxicos que vén impulsando dende o 2016 nos concellos da provincia, están a posibilitar que ata máis de 5.600 persoas traballadoras poidan desenvolver as súas tarefas municipais con total seguridade dende os seus domicilios.

Trátanse de iniciativas baseadas no traballo na nube, como a administración electrónica e o padrón municipal de habitantes, da que se están a beneficiar de balde 53 e 31 concellos da provincia respectivamente.

Os concellos da provincia beneficiarios da tecnoloxía non precisan de servidores locais ou infraestruturas específicas de telecomunicacións. As persoas traballadoras dispoñen dun ordenador e conexión a Internet, executando as súas funcións en remoto, dende os seus domicilios e con total seguridade. 

O persoal da propia Deputación está tamén a desenvolver as súas tarefas en remoto dende os seus domicilios. Deste xeito, son máis de 550 as persoas que se conectan mediante este sistema, o que obrigou a reforzar os servidores informáticos, a configuración a distancia dos equipamentos informáticos e telecomunicacións e a cesión de material.