O persoal sanitario e a futbolista Paula Dapena, premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

A concelleira Carmen Fouces indicaba que a decisión foi moi complicada pero que o xurado tomou a decisión por unanimidade coa idea de premiar o traballo realizado por todo o personal dos centros sanitarios de Pontevedra durante case un ano de pandemia e pola futbolista de Pontevedra pola valentía amosada ao rexeitar a homenaxe a Maradona

Paula Dapena, na Alameda de Pontevedra coa camiseta do Viajes Interrías FF asinada por todo o equipo Mónica Patxot

Os premios Cidade de Pontevedra de 2020 xa teñen gañadores. O xurado decidía este martes 12 que o premio colectivo recaese en mans dos profesionais dos centros sanitarios por todo o labor realizado durante os últimos case doce meses de pandemia e, o individual, para a futbolista Paula Dapena, que se negou a gardar un minuto de silencio antes dun partido como homenaxe a Maradona polo seu historial de malos tratos cara ás mulleres.

Despois da reunión do xurado, que acordou conceder os galardóns por unanimidade, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, compareceu diante dos medios para explicar os motivos deste acordo. "Foi un xesto moi valente de loita contra a violencia de xénero", dixo para poñer en valor o acto realizado por Paula Dapena, que sentou de costas, mentres as súas compañeiras de equipo e do cadro rival, o Deportivo, permanecían de pé en silencio lembrando a figura do astro arxentino.

"É unha referente para a mocidade por plantarse e aguantar a presión, que non foi pouca", puntualizou en referencia ás ameazas chegadas de todos os recunchos do planeta proferidas polos seguidores máis radicais do Pelusa. 

A repercusión mundial deste xesto e a súa activa participación na loita feminista foron outros factores que decantaron a balanza ao lado da deportista pontevedresa en lugar de Raquel Mera, defensora da escola rural, que quedou como finalista.

Na categoría colectiva, os traballadores do equipo covid do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra impuxéronse tamén por unanimidade á Asociación de Veciños de Monte Porreiro. Sen restar un chisco de valor ao labor desa asociación que organiza decenas de actividades e ten un marcado acento solidario, Fouces explicou que se trata de "agradecer ou esforzo" durante case 12 meses de todos os traballadores.

A invitación para recoller o premio estenderase a todo o persoal, sanitario e non sanitario, do equipo covid dos hospitais pontevedreses e será o propio persoal a que eliga aos representantes "que queremos que sexa ou máis plural posible" que recollan o distintivo.

Pechou o seu discurso a concelleira de Cultura lembrando ao último gañador do premio Cidade de Pontevedra, Francisco Barbeito, dono de Cristalería Pontevedresa, falecido a finais do 2020.