O persoal dos PAC en folga irrompe nunha concorrida pegada de carteis que abre a carreira cara ao 28A

Pontevedra
12 de abril 2019

A asistencia resultou máis concorrida do habitual na tradicional pegada de carteis na Alameda e tivo un ton reivindicativo que nas últimas citas electorais non fixera acto de presenza. Un grupo de profesionais sanitarios dos PAC pontevedreses estivo presente nun "acto simbólico" co que deixar de manifesto que seguen en folga e en loita 

Tradicional pegada de carteis para abrir a campaña electoral para as xerais do 28A Mónica Patxot

A carreira electoral cara ás Xerais do próximo 28 de abril comezou a medianoite deste venres rompendo tópicos en Pontevedra. Fronte a quen considera que as campañas electorais parecen xogarse cada vez máis en aparicións televisivas e publicacións virales en redes sociais, que o desapego da cidadanía cara á clase política está á alza ou que os partidos políticos han deixado de tomar o pulso á rúa, a tradicional pegada de carteis para abrir o camiño cara ás urnas reuniu na Alameda a políticos e cidadáns que demostrou xusto o contrario. 

A asistencia resultou máis concorrida do habitual, lembrando ás épocas de maior mobilización política dos últimos 30 anos, con decenas de simpatizantes da maioría dos partidos apoiando aos seus candidatos para o Congreso e o Senado e mesmo o ton reivindicativo que nas últimas citas electorais non fixera acto de presenza. Un grupo de profesionais sanitarios dos PAC pontevedreses quixo estar presente nun "acto simbólico" co que deixar de manifesto que seguen en folga e en loita para lograr unha mellora das súas condicións laborais. 

"Isto está moi animado. Xa me lembra aos 80", valorou emocionada a secretaria local do PSOE e subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que minutos antes da medianoite chegou á zona da Alameda sen poder ocultar a ilusión polo inicio dunha campaña que toda a clase política sabe que resultará decisiva. O seu espírito foi común á maioría dos presentes e trasladouse aos discursos de todos os partidos. 

A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, notou esa ilusión na rúa nos últimos días. Desde a medianoite deste venres xa pode pedir o voto e arrinca de cheo a campaña electoral, pero nos actos de precampaña puido vivir como de todas as campañas electorais que viviu nas últimas décadas, tanto municipais como autonómicas e xerais, nunca vivira unha tan "especialmente emocionante" como esta

Está a resultar "a máis intensa" das que lembra e nota a adrenalina de que "moitísima xente se achega a dicir que confía que o BNG teña representación non Congreso" tras o últimos catro anos sen presenza nas Cortes Xerais, para poder defender os interesés de Galicia

A noite resultou especialmente animada entre políticos e simpatizantes de PP, PSOE e BNG. Mentres os seus candidatos se mantiñan fieis á tradición de, rodete en man, pegar os primeiros carteis da campaña e abrir 15 días de mitins e actos electorais, soaban no ambiente os himnos dos distintos partidos e, de fondo, as reivindicacións do persoal dos PAC. Nino Barrreiros, médico da Parda, explicou que decidiron deixarse ver para "reforzar a nosa campaña" e deixar claro que terán unha participación moi activa para dar a coñecer as súas demandas laborais, que van dirixidas, en especial, á Xunta de Galicia e ao PP.

A presenza dos traballadores tivo boa acollida entre os asistentes, levou á maioría de partidos a incluír os seus carteis reivindicativos nos espazos reservados para colgar as súas proclamas electorais e reportoulles a posibilidade de expor as súas demandas aos candidatos. A Ana Pastor, cabeza de lista do PP ao Congreso, actual presidenta desta cámara e médica de profesión, abordárona mesmo antes da súa chegada ao núcleo da pegada e detalláronlle durante varios minutos as súas demandas, pedíndolle que llas trasladara ao presidente da Xunta e compañeiro de partido, Alberto Núñez Feijóo. 

O propia Pastor, minutos despois, mostrábase ilusionada ante a campaña e, convencida de que terán "el mejor resultado posible", pois "la gente sabe que cuando votan al PP, las cosas van mucho mejor". Afronta con "todas las ganas" e "toda la ilusión" unha campaña na que está convencida de que  "vamos a volver a ganar la confianza de la mayoría de los pontevedreses". 

As representacións de PP e PSOE foron as máis concorridas e animadas, con decenas de persoas axitando bandeiras e reiterando as súas proclamas. No caso socialista, os números dous da candidatura ao Congreso e o Senado, Guillermo Meijón e Margarita Adrio, pediron o voto para o seu partido fronte as " forzas políticas que pretenden que volvamos a un modelo en branco e negro, a un modelo de país que moitos consideraban xa cousa do pasado, que nunca volvería". 

Tras atribuír a PP, Cidadáns e Vox un intento de "devaluar a democracia e desmobilizar da política precisamente a aqueles sectores que máis precisan da política", lembrou que "nunca como nestas eleccións estivo tan en xogo o modelo de país que pretendemos os progresistas".

Na Alameda tamén irrompeu coas pilas cargadas Compromiso por Galicia. A súa cabeza de cartel ao Congreso por Pontevedra, Berta Roldán, anunciou que afrontan esta campaña "con humildade" tras fallar a súa proposta ao resto das forzas nacionalistas para acudir en grupo á cita electoral do día 28 e pediu o voto para ter a representación nas cámaras que lles permita "facer algo por Galicia en Madrid". 

Cando xa o resto de partidos empezaban a deixar as súas posicións e retirarse a descansar para repoñer forzas para uns 15 días intensos, tamén acudiu á cita cos carteis unha pequena representación de Unidas Podemos, que pegou os carteis coa imaxe das súas candidatas 1 e 2 ao Congreso, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez ' Pam'. Todos os espazos tiñan xa a esas alturas carteis do resto de partidos e optaron por poñer os seus encima dos xa pegados.

Na pegada de carteis houbo tres ausencias destacadas, Cidadáns, En Marea e Vox, que non acudiron á tradicional cita na Alameda