As entreplantas do Pazo Provincial e do Edificio Administrativo xa ofrecen ao seu persoal dúas salas de lactación e comedor. Con esta implantación a Deputación é a primeira administración na provincia, e unha das poucas en España, que conta cos devanditos servizos para os seus traballadores.
Os espazos de lactación, que responden o Plan de Igualdade que se marcou o goberno provincial, permitirán ás mulleres na súa reincorporación tras a maternidade, compatibilizar a súa vida persoal e laboral. Así, tanto aquelas que traballan na Deputación, como quen estea en reunións, cursos ou convocatorias da entidade, poderán sacarse o leite, dar o peito ou o biberón. Dispoñen de sofá, refrixerador, microondas, lavabo e cambiador. Ademais engadíronse produtos de hixiene e protección ante a COVID19.
Para o seu uso hai que facer unha reserva no Servizo de Prevención de Riscos Laborais para organizar quendas xa que cada sala só poderá ser utilizada por unha persoa ao mesmo tempo. Tamén se extreman as medidas de prevención de forma que haberá que levar luvas e despois de cada uso, deixar a sala limpa e ordenada.
En canto ás dúas salas habilitadas como comedor, a situación sanitaria limita o seu uso a dúas persoas ao mesmo tempo, que manterán a distancia de dous metros e traer os seus utensilios e alimentos preparados. Cada usuario deberá, ao chegar e ao concluír, limpar e desinfectar tanto a mesa como a cadeira utilizada.
Estas dotacións foron supervisadas polos deputados Vitoria Alonso e Carlos López Font. A primeira, como titular de Igualdade sinalou que "con esta medida de saúde e conciliación a Deputación dá un paso máis na dirección da inclusión. Era bastante incómodo cubrir esta necesidade en espazos onde non senten elas mesmas”.