O peche adiantado, un novo cravo para o cadaleito do comercio local

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Pequenos empresarios de todos os sectores do comercio pontevedrés lamentan a perda de clientes derivada do peche perimetral, primeiro; e agora, do peche ás 18 horas. "Moitos  consumidores que traballan a xornada partida fan os seus recados ao acabar a súa xornada", protestan

O comercio local de Pontevedra acata o peche adiantado cunha mestura de enfado e resignación Mónica Patxot

Galicia estrea este mércores restricións máis severas, que afectan a todos os sectores da economía, para frear o avance da pandemia da covid-19. Ademais do peche total da hostalería, todo o comercio non esencial debe permanecer pechado a partir das 18 horas. Unha decisión que en Pontevedra acatan cunha mestura de resignación e enfado.

"Temos máis restricións que solucións. Agora impóñennos un horario europeo, pero sen os beneficios que hai noutros países de Europa", resume Inma González, dona da tenda de roupa Carnaby, o sentir xeral do pequeno comercio pontevedrés, no que se inclúen salóns de peiteado, librerías, florerías, droguerías e todas as tendas que dan vida ás rúas da capital que, como na pasada primavera, volven estar condenadas ao deserto.

Aínda que estes negocios poden permanecer abertos, os seus donos alertan de que a partir deste mércores privaranlles das dúas horas máis efectivas da súa xornada laboral. "Eu polas tardes abro arredor das catro, teño estado sen ninguén na librería durante dúas horas e, a partir das seis ou sete, á última hora, éncheseme a librería", explica o propietario da librería Metáfora, Luís Piñeiro.

Non é o único afectado por esta circunstancia. "Estou preocupado porque moitos clientes, por traballo, non poden vir antes das seis", confesa Sergio Piñeiro, dono do salón de peiteado Le Funambule.

O peor de dous dos sectores máis afectados, a hostalería e o comercio, sófreo a pastelería A Artesa. "Prexudícanos bastante porque moitos clientes mercábannos tortas cando viñan tomar un café ou cando escoitaban a outro cliente que nos felicitaba porque o turrón, por exemplo, estaba moi rico. Iso ímolo a perder, agora teremos que subsistir cos que xa son clientes habituais", explican Sabela e Lidia, que conservarán a repartición a domicilio para manterse á boia.

No sector hostaleiro, son maioría os que optaron por baixar de forma definitiva a reixa. "Eu igual manteño a venda a domicilio ou para recoller, pero a perdas", exponse o propietario da cervexaría Ye Olde Basset. Outras cafeterías como A Pasaxe, retoman o servizo take away como táboa de salvación.

No que coinciden todos os empresarios é que esta nova remesa de restricións supoñen un novo cravo no ataud no que levan metidos desde o estalido da pandemia. E súmase ao do peche perimetral decretado hai uns semanas, que xa supuxo un duro revés para o comercio. "Parece que está feito para que empresas como Amazon benefíciense", lamenta o libreiro Piñeiro, que agradece o compromiso dos clientes máis fieis que seguen apoiando a este sector.

Máis preocupado está o perruqueiro de Le Funambule, que teme pola viabilidade do seu negocio a longo prazo. "Eu teño moitos clientes de Poio e Marín. Eles non poden vir a Pontevedra pero teñen que seguir cortándose o pelo. Acabarán indo a outro salón de peiteado e se lles gusta, poida que non volvan máis", explica Piñeiro.

No sector téxtil prefiren non pensar como lles afectará este novo recorte. "Xa non facemos previsións, só nos queda aguantar o que poidamos. Xa non facemos tantos pedidos", detalla Inma unha das consecuencias da inseguridade que atravesa o seu negocio.

Ela pide ás autoridades que escoiten aos empresarios. "Só restrinxir non é a solución. Isto é como a pescadilla que se morde a cola e levamos case un ano así. A política está para outra cousa", remata a empresaria nun desesperado berro de auxilio que comparten todos os autónomos e autónomas que compoñen o sector privado dunha cidade como Pontevedra e que está ao bordo da quebra.