O Pazo provincial loce unha "carballeira máxica"

Pontevedra
08 de decembro 2020

Trala ponte da Constitución poderanse ver tamén os elementos decorativos xa instalados nas dependencias da institución provincial, que estarán protagonizados por produtos de refugallo e vexetais e plantas autóctonas, apoiando, deste xeito, á produción floral local do Baixo Miño

"Carballeira máxica" no vestíbulo do Pazo Provincial Deputación de Pontevedra

A sustentabilidade e o apoio ao produto local son protagonistas este ano da decoración e iluminación de Nadal da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, o Pazo Provincial e o Palacete das Mendoza están iluminadas con leds, e a sede da Deputación en Vigo faino dende este luns.

Trala ponte da Constitución poderanse ver tamén os elementos decorativos xa instalados nas dependencias da institución provincial, que estarán protagonizados por produtos de refugallo e vexetais e plantas autóctonas, apoiando, deste xeito, á produción floral local do Baixo Miño.

En Pontevedra están alumeados o Pazo Provincial e o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. No caso do Pazo, instaláronse arcos e grilandas con luces led sobre as tres portas principais, balconada e parte superior do edificio, así como tamén nas distintas árbores dos xardíns do Pazo, dende as camelias á magnolia grandiflora. No caso da sede de Turismo Rías Baixas, instaláronse luces led na fachada e laterais.

No que respecta á decoración, que estará xa preparada trala ponte, contará con elementos vexetais autóctonos, pedras, elementos de refugallo e madeira que van ser os protagonistas da decoración das distintas sedes. Así, no vestíbulo do Pazo provincial montarase unha "carballeira máxica", con máis de 15 exemplares de carballos iluminados nas súas respectiva macetas (para poder ser replantados ao remate das festas en Soutomaior).

Haberá tamén musgo, follas, carrasco ou landras e completarase a decoración con grilandas naturais realizadas con vexetais da poda de Soutomaior e Areeiro como magnolia, camelia ou tuia, e flores de Nadal, que se colocarán en todos os servizos, procedentes de produtoras e produtores do Baixo Miño. No edificio administrativo poderase ver unha instalación similar aínda que, polo espazo, de menor tamaño.

Amais da iluminación e decoración interior, haberá, ao igual que todos os anos, un acto de homenaxe ás persoas traballadoras que se xubilaron durante o 2020.

Por mor da covid, este ano será ao aire libre, baixo a magnolia situada nos xardíns do Pazo provincial da Deputación e terá lugar o próximo 18 de decembro.

Finalmente, e no marco da súa aposta solidaria, a lotería que está a recibir a institución provincial como agasallo de Nadal, caso de acadar algún dos premios, serán doados a unha ONG.