O Pazo de Meirás, Elnosa, a pasarela de Praceres e os lombos, entre os asuntos que irán a pleno este venres

Pontevedra
12 de setembro 2017

O vindeiro venres ás 10.30 horas no Teatro Principal a corporación pontevedresa celebrará o pleno ordinario do mes de setembro

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / PontevedraViva

O vindeiro venres ás 10.30 horas no Teatro Principal a corporación pontevedresa celebrará o pleno ordinario do mes de setembro.

Este martes reuniuse a xunta de portavoces para pechar a orde do día da sesión plenaria que inclúe 9 recoñecementos extraxudiciais de débeda por algo máis de 400 mil euros.

O BNG leva ao pleno unha moción para reclamar a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. O texto está pendente de ser acordado co grupo de Marea Pontevedra e conta co apoio do Partido Socialista. O Bloque tamén presenta outra moción na que se reclama ao Ministerio de Fomento a reparación da pasarela de madeira que utilizan as mariscadoras para cruzar a Autovía de Marín e chegar á praia dos Praceres. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou o deficiente estado de conservación que ten esta estrutura de madeira, o que suscitou as queixas.

Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular presenta unha moción na que insta o goberno local a que dialogue e busque o consenso cos veciños do rural sobre as medidas para adoptar en seguridade viaria e acougado de tráfico, é dicir, a polémica pola instalación de lombos nas parroquias do rural. Tamén demandará ao executivo de Fernández Lores a devolución das plusvalías cobradas de forma irregular e finalmente, os populares solicitarán que o Concello adhírase ao manifesto que impulsa a Xunta pola igualdade e pola erradicación da violencia de xénero no deporte.

Pola vía de urxencia, os concelleiros do Partido Socialista instarán o alcalde para que das instrucións oportunas para paralizar o proceso de información pública do proxecto de licitación da concesión do servizo de auga potable, saneamento e abastecemento do Concello en tanto non se leven a cabo e incorpórense unha serie de estudos. Tamén propoñerán que se poña coto á proliferación dos eucaliptos.

Marea Pontevedra levará ao pleno o debate sobre o futuro da fábrica de Elnosa en Lourizán buscando o apoio a unha moción na que se insta á Xunta que cumpra o prazo ditaminado pola Unión Europea como data de cesamento de actividade da clorera na Ría de Pontevedra. Se logra acordar co Bloque a moción sobre o Pazo de Meirás presentará unha nova proposta ao pleno na que solicita que se modifiquen os horarios dos espazos reservados a carga e descarga.

Finalmente, a concelleira de Cidadáns propón a creación do Portelo Único Empresarial no Concello de Pontevedra.

O do próximo venres non será o único pleno previsto para este mes de setembro pois o xoves día 28 celebrarase outro con carácter extraordinario no que se aprobará a conta xeral.

Os concelleiros tamén teñen previsto cambiar para outro día o pleno de outubro xa que coincide o día 13, no medio da ponte festiva.