O Pazo de Lourizán pasa oficialmente a mans da Xunta

Pontevedra
19 de maio 2023

O último paso deuse este venres no marco do Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha sesión extraordinaria na que se aprobou por unanimidade a transferencia. Rexeitan a única alegación presentada, coa que a APDR solicitaba incluír medidas a fin de impedir unha posible privatización do inmoble

Pazo de Lourizán Mónica Patxot

O Pazo de Lourizán pasa oficialmente a mans da Xunta de Galicia. O último paso deuse este venres no marco do Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha sesión extraordinaria na que se aprobou por unanimidade a transferencia

O Pazo, que está actualmente en proceso de ser nomeado Ben de Interese Cultural (BIC), pasará xa a mans da Xunta despois de que se rexeitara a única alegación presentada ao expediente no período de exposición pública. 

Trátase dunha alegación da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que solicitaba incluír medidas a fin de impedir unha posible privatización do inmoble. 

A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou que esta alegación foi desestimada porque esa titularidade pública xa está garantida, pois o acordo de transferencia recolle expresamente a obriga da Administración autonómica de manter o fin de servizo público destes bens. 

O proceso que agora remata comezou en xullo de 2022 coa sinatura dun protocolo de intencións asinado en xullo do 2022 entre Carmela Silva e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. 

Despois de meses de tramitación por parte da Comisión de Seguimento creada pola Deputación e Xunta, o expediente de transmisión da titularidade foi aprobado no pleno do 31 de marzo de 2023. Abriuse un período de alegacións que rematou a semana pasada e agora aprobouse de xeito definitivo.

O acordo de cesión obriga á Xunta a preservar a integridade e manter a afectación dos inmobles da Finca de Lourizán cos seus fins de servizo público, sen prexuízo de desenvolver neles outras actividades complementarias de finalidade pública, entre elas as turísticas, divulgativas ou recreativas.