O "Patuco de honra" recoñece o labor do equipo de Enfermaría de neonatos do Complexo hospitalario de Pontevedra

Pontevedra
17 de novembro 2022

A Asociación Galega de Familias Prematuras (AGAPREM) fixo entrega desta distinción con motivo do Día Mundial do Prematuro que se conmemora este xoves

O "Patuco de honra" recoñece o labor do equipo de Enfermaría de neonatos Sergas

Con motivo do Día Mundial do Prematuro, que se conmemora este xoves, o equipo de enfermaría da unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu no Hospital Provincial o Patuco de Honra de mans da Asociación Galega de Familias Prematuras (AGAPREM) en homenaxe ao seu gran labor no coidado dos neonatos e empatía coas familias dos nenos.

En representación da Asociación Galega de Familias Prematuras (AGAPREM), Ana Valuja –nai de Olivia, unha nena prematura nacida no Hospital Provincial de Pontevedra en 2018- e Verónica Outeda -nai de Valeria, outra nena prematura nacida tamén no Hospital Provincial en 2018- fixeron entrega deste Patuco de Honra, ademáis de obsequiar cuns detalles ás familias con bebes prematuros ingresados nesta unidade. 

Así mesmo, esta xornada acolleu un encontro cunha representación de pais e nenos prematuros atendidos nesta Unidade nos últimos tres anos.

No transcurso do acto celebrado no Hospital Provincial de Pontevedra tamén se sinalou que esta noite iluminaránse diversos edificios da comarca en cor violeta para dar visibilidade ás actividades conmemorativas de hoxe, 17 de novembro, Día Mundial do Prematuro.  

Cada ano 15 millóns de nenos nacen antes de termo e, actualmente en España, sucede aproximadamente nun de cada 13 nacementos.

En xeral, considérase que a prematuriedade sucede nalgúns partos múltiples ou cando se dá algun tipo de patoloxía materna -tales coma hipertensión, diabetes, etc-. Habería tres grandes tipoloxías de bebés prematuros: aqueles que nacen entre a semana 32 e 37 - denominados prematuros moderados e tardíos-. Se o bebé nace entre as semanas 28 e 32 é moi prematuro, mentres que se o meniño nace antes da semana 28 de xestación é un prematuro extremo.

PREMATUROS NO HOSPITAL PROVINCIAL

Segundo sinalan na unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, entre xaneiro e novembro do presente ano, 83 dos bebés nados no Hospital Provincial de Pontevedra -o 8% do total- foron prematuros. Estes meniños representan o 30% do total anual de ingresos na unidade de Neonatoloxía do Hospital Provincial pontevedrés.