O paseo dos Gafos réndese a Carvalho Calero cun mural do Quilombo

Pontevedra
22 de maio 2021

O novo mural inaugurouse de xeito oficial o pasado 17 de maio, coincidindo coas Letras Galegas. Céntrase na figura de Carvalho Calero como autor homenaxeado pola Real Academia Galega en 2020 e tamén "porque desde O Quilombo acreditamos que a perspectiva reintegracionista para o galego é a perspectiva do futuro"

Mural del Carvalho Calero no paseo dos Gafos Mónica Patxot

Un novo mural complementa o paseo dos Gafos de Pontevedra e serve ao mesmo tempo para mellorar a imaxe da zona e para render homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, historiador, profesor e escritor recoñecido o pasado ano no Día das Letras Galegas. 

O novo mural é obra do centro social pontevedrés O Quilombo, que centra a súa actividade arredor da cultura popular, o soberanismo, o feminismo, o ecoloxismo e o internacionalismo, e inaugurouse de xeito oficial o pasado 17 de maio, coincidindo coas Letras Galegas.

Segundo Borxa Mexuto, integrante da xunta directiva da asociación, tiñan pendente rematar esta composición desde 2020, pero atrasouse pola pandemia da covid-19. Decidiran centrala na figura de Carvalho Calero porque era o autor homenaxeado daquel ano pola Real Academia Galega e tamén "porque desde O Quilombo acreditamos que a perspectiva reintegracionista para o galego é a perspectiva do futuro". Ricardo Carvalho Calero está considerado o ideólogo do reintegracionismo.

O proceso de elaboración deste mural implicou a arredor de dez integrantes do Quilombo en base a unha composición deseñada por un deles, Iván. Como referencia, usou un deseño de Bruno Lopes Teixeiro.

Este colectivo pontevedrés ten xa en mente, de cara aos vindeiros meses, ampliar o mural actual ocupando toda a parede da que na actualidade pintaron só una parte. De momento, non marcan prazos, pero tanto para a parte xa rematada como para a que van proxectar contan xa coa autorización do Concello de Pontevedra.

A ampliación terá outro formato, de tal maneira que o resultado final será que haberá dous murais diferentes arredor da figura de Carvalho Calero. 

A RAG honrou a Carvalho Calero co Día das Letras Galegas 2020 polo seu compromiso galeguista, que mesmo o levou a sufrir cárcere tras a Guerra Civil; a súa faceta de creador literario nos eidos da poesía, a narrativa e o teatro; o seu labor no campo da historia literaria galega, da que pode considerarse fundador coa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1963); e o feito de ser o primeiro profesor e catedrático de Lingüística e Literatura Galega. Tamén tiveron en conta a influencia, nos últimos anos da súa vida, das súas ideas sobre a lingua propia de Galicia.