O Paseo de Silgar e a Rúa Madrid terán plataforma única e prioridade peonil

Sanxenxo
15 de maio 2024

O ámbito de actuación será desde o cruzamento da Rúa Ourense ata a intersección coa Rúa Cesteiros. Alí habilitarase unha plataforma única en lastra que terá unha superficie de 4.783 metros cadrados. A obra, que custará 630.000 euros, estará terminada en xuño

Paseo de Silgar en Sanxenxo
Paseo de Silgar en Sanxenxo Mónica Patxot

Afianzar o carácter peonil do eixo que forman o Paseo de Silgar, a Rúa Madrid e a Avenida do Porto. Con ese obxectivo, o goberno municipal de Sanxenxo converterá todo este ámbito nunha zona con plataforma única que terá como prioridade os desprazamentos a pé.

O ámbito de actuación será desde o cruzamento da Rúa Ourense ata a intersección coa Rúa Cesteiros. Alí habilitarase unha plataforma única en lastra que terá unha superficie de 4.783 metros cadrados. A obra, que custará 630.000 euros, estará terminada en xuño.

O Concello explica que a área de acceso rodado executarase cun cambio de pavimento, con lastra coloreada, para unha mellor visibilidade para o condutor e o peón, dando así maior seguridade á intervención.

No encontro entre este e as beirarrúas colocarase unha rigola acanalada para favorecer a recollida de augas pluviais e facilitar a súa rápida evacuación. 

Ademais, no cruzamento coa rúa Luis Vidal Rocha crearase unha zona de esparexemento, con mobiliario urbano que convide o descanso dos viandantes.

O proxecto incluirá a renovación da rede de saneamento e unha nova iluminación pública, cambiando farois e luminarias por outras máis eficientes.

Así, os farois tipo fernandinos existentes no tramo de Rúa de Madrid ata a intersección coa Rúa Cesteiros serán substituídos por outras de tecnoloxía LED e deseño contemporáneo e cambiarán de marxe dous farois existentes fronte ao Pazo Patiño.

Desde a rotonda do porto de Sanxenxo ata a rotonda de Silgar prevese a reconversión dos equipos actuais de vapor de sodio por outros con tecnoloxía LED, mantendo a carcasa do farol actual e actuando unicamente sobre o equipo.

Na zona situada fronte á Rúa Luis Vidal Rocha exponse ademais a instalación de novos puntos de luz tipo baliza.