Despois dunha inversión de máis de 1.135.500 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, Marín conta cun Paseo Alcalde Blanco "máis verde, máis accesible, máis integrado e máis sostible", asegurou a alcaldesa, María Ramallo.
O xoves pola tarde, como previa do Rilla na Rúa, será a inauguración oficial do Paseo.
A partir das 17.00 horas estrearanse os xogos de auga instalados na metade do paseo, con actividades de ocio. Repartiranse ademais unhas viseiras e unhas fundas plásticas para non mollar o teléfono móbil e poder facer fotos sen medo.
A partir das 19.00, será a inauguración oficial, coa presenza de distintas autoridades e coa que se porá en valor a intervención realizada neste paseo, que estreará este verán cunha imaxe totalmente renovada.
CARREIRA BOTÓN DE ANCLA
Por outra banda, o Concello de Marín recuperará a celebración da tradicional Carreira Escolar Botón de Ancla, pero ampliando o seu percorrido á Avenida de Ourense.
Será o mércores 15 a partir das 10.00 horas e na que participarán cerca de 1.000 alumnos e alumnas dos centros educativos de Marín e do Colexio Juan Sebastián Elcano de Pontevedra, que sempre participa tamén.
A saída será á altura da baixada ao Parque Azul e os coles irán saíndo agrupados por cursos. Ás 10.00 horas, correrán 3º e 4º de Primaria; ás 10.40 horas, os de 5º e 6º; ás 10.40 horas, os de 1º e 2º da ESO e ás 11.00 horas, os de 3º e 4º da ESO.