Ante o avance da sexta onda da pandemia, que volveu a incrementar os contaxios en Galicia, a Xunta decidiu implantar o 'pasaporte covid', o certificado que demostra que nos vacinamos contra a covid-19, máis aló da hostalería e os hospitais.
Así o avanzou este xoves o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou que este certificado pasará a ser obrigatorio en ximnasios, hospitais de día, unidades de diálises e residencias de maiores de toda a comunidade galega.
Para ampliar o uso do 'pasaporte covid', a Xunta solicitará a autorización Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras aprobar mañá esta medida no subcomité clínico.
Núñez Feijóo expresou a súa "preocupación" ante o efecto que a próxima ponte festiva e a chegada do Nadal pode ter neste incremento dos contaxios.
"En función do noso comportamento individual e colectivo teremos un escenario ou outro. Todo depende do que fagamos", sinalou o presidente galego, que quixo enviar unha mensaxe de prudencia aos cidadáns para que extrememos as precaucións.
Tras pedir que limitemos as interaccións sociais durante os próximos días, o titular da Xunta advertiu que a situación epidemiolóxica está "a empeorar", aínda que recoñeceu que a situación asistencial nos hospitais segue sendo "relativamente boa".