Aínda que gran parte das restricións aprobadas pola alta incidencia da variante ómicron xa decaeron, hai unha que Galicia seguirá mantendo vixente. Trátase do 'pasaporte covid'. O seu uso vén de ser prorrogado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ata o 12 de febreiro.
Así, seguirá sendo obrigatorio a esixencia de presentar o certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos locais de hostalería e de lecer nocturno durante todo o horario de apertura.
Esta medida esténdese tamén a ximnasios e piscinas cubertas, a eventos multitudinarios, a lugares nos que se venda comida e bebida e a albergues turísticos. Ademais, a documentación será requirida ás visitas dos doentes ingresados en hospitais e residencias.
O TSXG destaca que esta medida se manterá o tempo "imprescindible" para mellorar a situación epidemiolóxica de Galicia, a cal recorda o tribunal "se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico".
Os maxistrados salientan que o seu propósito é "defender a saúde pública malograda pola pandemia" e aseguran que, tal e como se fundamenta no informe técnico achegado pola Xunta, a presentación deste pasaporte permite o mantemento de capacidades e o normal desenvolvemento de determinadas actividades nas que hai risco de contaxios.
A idoneidade da medida, segundo explica o tribunal na resolución, non queda invalidada polo feito de que este documento non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, xa que os informes científicos avalan que esta medida preventiva "permite reducir o risco" de transmisión do virus.
O TSXG, ademais, lembra a sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro na que insiste en que a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade e a máis reducida ocupación hospitalaria e das UCI, "non xustifican prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado".