O 'pasaporte covid' regresa ao interior da hostalería tras aprobalo o TSXG

26 de novembro 2021

En Galicia xa se pide certificado de vacinación, recuperación da covid-19 ou proba negativa para acceder ao lecer nocturno, nas habitacións compartidas dos albergues e para as visitas aos hospitais. Agora tamén para acceder ao interior dos restaurantes durante todo o día e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafeterías e bares

Unha persoa amosando o certificado covid Xunta de Galicia

O coñecido como 'pasaporte covid' regresará este mesmo sábado 27 de novembro á hostalería unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de autorizar a medida solicitada pola Xunta de Galicia para a súa implantación. 

En Galicia xa se pide certificado de vacinación, recuperación da covid-19 ou proba  diagnóstica negativa para acceder ao lecer nocturno, nas habitacións compartidas dos albergues e para as visitas aos hospitais. Agora, unha vez que xa se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG), tamén para acceder ao interior dos restaurantes durante todo o día e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafeterías e bares.

O TSXG autoriza a medida para as persoas maiores de 12 anos ata as 00.00 horas do 18 de decembro. Contra o auto, de todos os xeitos, cabe presentar recurso de  casación.

Á hora de argumentar a súa decisión, os maxistrados destacan que non só cumpre a función de evitar  contaxios, senón tamén minimizar os riscos, pois lembra que é "unha evidencia científica" que a transmisión da covid-19 entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados".

Os maxistrados inciden en que a medida está xustificada porque a exhibición da documentación pídese para entrar en espazos pechados "nos que se poden  agrupar factores que aumentan o risco de transmisión da covid-19", pois neles establécense "contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades nas que é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar)".

Ademais, os xuíces indican que se trata de "lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao que pode contribuír o consumo de alcol".

O TSXG asegura que a implementación da medida non supón "un sacrificio desproporcionado", pois a exhibición do certificado requírese "para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria".

O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica de Galicia está "a empeorar", polo que, segundo a Sala, "as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control, tendo en conta que o virus segue circulando e causando novos casos, ingresos hospitalarios en unidades de agudos e en unidades de críticos e mortes na nosa comunidade".

Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso- administrativo sinalan que "tampouco se pode restar importancia ao contexto estacional en que nos atopamos", pois limita a utilización de terrazas e espazos ao aire libre, "o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementar os niveis de ocupación e capacidade, co fin de evitar riscos de contaxios".