O Partido Popular propón unha mesa para resolver o "botellón descontrolado" na festa das peñas

Pontevedra
14 de agosto 2018

O voceiro do grupo municipal, Rafa Domínguez, considera que as 12 intoxicaciones etílicas de menores rexistradas e a imaxe que se ofrece da cidade durante esas celebracións prexudican a veciños, hostaleiros, turistas e tamén os menores que consumen alcohol

Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, con Pepa Pardo e César Abal
Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, con Pepa Pardo e César Abal / PontevedraViva

O Partido Popular lamentou este martes a imaxe que se transmite de Pontevedra durante as festas de celebración de penas. É un "resultado desastroso", indicaba o presidente local e portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez. Considera que 20 intoxicacións etílicas, 12 delas de menores é un dato preocupante.

Indica que a mala imaxe que ofrece a cidade durante esas celebracións afecta os veciños que o sofren; aos hostaleiros, que se atopan con perdas de ata o 90% durante esas xornadas; aos turistas que quedan "espantados" e aos menores, que supoñen un 60% das persoas que precisan atención por consumo de alcol.

Ante esta situación, os populares fan un chamamento ao goberno local para buscar unha solución a este problema do "botellón descontrolado" que se produce en Pontevedra. Rafa Domínguez propón crear unha mesa no que se trate o tema e analícese a situación. "El BNG levanta la prohibición de beber en la calle", indicou o popular refiríndose a eses días.

Por iso, desde o  PP critican tamén a indiferenza coa que a concelleira de Festas e tenente de alcalde, Carme da Silva, está a tratar este problema. "É incomprensible", afirma Domínguez e cre que esta actitude non beneficia á imaxe de Pontevedra nin á dos menores. Neste sentido, o portavoz popular leu diversas mensaxes de redes sociais nas que varios turistas criticaban esa festa. "O BNG debe recapacitar", indicou, reclamando un maior control dos menores para evitar o consumo de alcol.

POLÉMICA PROTESTA POLICIAL DURANTE O PREGÓN

Sobre as acusacións de Carme da Silva de que o PP se atopaba detrás das protestas de axentes da Policía Local que protestaron durante o acto de lectura do pregón de inicio das Festas da Peregrina, Rafa Domínguez manifestou que "se hai algún culpable é o BNG e Lores" sinalando que o goberno local mantén o conflito enquistado cos representantes sindicais da Policía Local.

Domínguez afirmou que "non me agradou o lugar que escolleron" para expoñer a súa protesta pero indicou que respectaron a lectura do pregón e que os axentes están a sufrir unha situación complicada. Neste sentido, realizou unha comparación coas protestas dos funcionarios xudiciais e de como, entón, a concelleira Carme da Silva reclamaba ao goberno do Partido Popular unha negociación. 

"Si soy alcalde, en unas semanas se soluciona el conflicto", afirmou Rafa Domínguez.