O Concello sitúa a "un grupo dirixido polo PP" detrás do boicot da Policía Local ao pregón
Por Natalia Puga
A protesta protagonizada ao mediodía do sábado por un grupo de sindicalistas e axentes da Policía Local de Pontevedra durante o acto de lectura do pregón que inaugura as festas da Peregrina foi, a xuízo do goberno local, unha acción orquestrada polo Partido Popular para "afear" o inicio dos festexos locais.
Así o denunciou a concelleira de Festas, Carme da Silva, este luns nunha rolda de prensa na que quixo "pedir desculpas" aos pontevedreeses e visitantes que o sábado acudiron ao pregón na praza da Pedreira e atopáronse con este incidente, que tacha de "bastante desagradable".
Da Silva nega que se tratase dunha protesta da Policía Local de Pontevedra, senón que a circunscribe a "un grupo dirixido polo Partido Popular" que se concentrou e dificultou a lectura do pregón por unha serie de demandas que ela considera que son "independentes" das negociacións que o goberno local mantén cos sindicatos e trátase unicamente de "unha acción política dirixida".
Moi crítica coa protesta e visiblemente enfadada, a edil de Festas asegurou que "podo entender" que ese mesmo grupo de persoas acudisen meses atrás a unha cea do BNG no Pazo da Cultura, pois "entra dentro do xogo político", pero ve "difícil de entender" que se afeou o pregón ou que irrompesen na festa da compostaxe celebrada en Eduardo Pondal, que tiña actividades dirixidas a nenos.
Ademais, criticou o "sorriso" que asegura que tiña o portavoz municipal do PP, Rafael Domínguez, mentres desde o balcón do Pazo de Mugartegui se tentaba falar e o "abrazo" entre o concelleiro 'popular' César Abal e o portavoz sindical Antonio Millares, que cre que "foi clamoroso" e que demostra que "estaban encantadísimos".
A preguntas da prensa sobre as graves acusacións realizadas contra o PP, Da Silva reafirmouse en que "teño constancia de que o Partido Popular dirixe políticamente estas actuacións" e que este grupo político "estaba feliz" co resultado do pregón.
Relacionadas:
-
A Policía Local pide a devolución das taxas do guindastre na retirada de máis de 40 vehículos no Princesa de Asturias
Por Anxo Lourido |
-
Axentes da Policía Local rexeitarán realizar accións voluntarias ata que se resolva o conflito laboral co Concello
Por Anxo Lourido |
-
O Partido Popular propón unha mesa para resolver o "botellón descontrolado" na festa das peñas
Por Anxo Lourido |
-
Axentes da Policía Local escollen o acto de lectura do pregón das Festas para exteriorizar o malestar co goberno local
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |