O Partido Popular e ENCE son protagonistas dun "vodevil moi malo", segundo Carmela Silva

Pontevedra
17 de marzo 2017

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda, o portavoz do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, o popular Jorge Cubela, segundo Carmela Silva, "parecen membros do consello de Administración de Ence", sinalou  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A polémica xerada pola empresa ENCE por mor do seu vacilante proxecto de planta de biomasa foi cualificada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como un "vodevil moi malo", no que son protagonistas a propia compañía pasteira e o Partido Popular de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda, o portavoz do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, o popular Jorge Cubela, segundo Carmela Silva, "parecen membros do consello de Administración de Ence", sinalou.

A todos eles pediulles "que se aclaren" coa súa errática decisión sobre a planta de biomasa, "incluida no anuncio publicitario a bombo e platillo" do chamado Pacto Ambiental asinado con Ence. E lembrou que horas despois de coñecerse que o Concello de Cerdedo-Cotobade ofrece á multinacional pasteira terreos para albergar esta instalación fontes da compañía sosteñen que non contemplan ningunha outra localización que o seu centro de operacións en Lourizán.

Carmela Silva lembrou que toda esta lea orixinouse despois de que a propia Ence dixese que a planta de biomasa íase para Huelva e que recortaba os seus investimentos en Pontevedra, unha noticia ante a que o PP e a Xunta "saíron en tromba para botarlle a culpa ao Concello de Pontevedra cando este non ten ningunha competencia aí, é a Xunta".

"Hai un plan sectorial e, por tanto, é a Xunta de Galicia a responsable de que estea ou de que non estea", engadiu.

"Aquí o problema está nas mentiras do Partido Popular", sinalou Carmela Silva, que tamén acusou aos populares de "defender a Ence coma se fosen os propietarios. É unha paixón total".

CRÍTICAS A FEIJÓO

A presidenta provincial tamén trasladou a súa "incredulidade" ante as últimas declaracións efectuadas en Pontevedra polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que "converte a política nun circo romano" xa que, no canto de representar a toda a cidadanía, segundo Carmela Silva "baixa á area do circo e se enfanga". 

Que o mandatario popular diga que o "principal problema que ten Pontevedra é que o PP non teña o poder na Deputación" resulta "sorprendente" para Carmela Silva que citou o desemprego, a deslocalización de industrias a Portugal, as infraestruturas, ou as asasinadas pola violencia machista, como "outros problemas máis importantes" que ten a provincia "antes de recuperar a Deputación".

"Dígolle que non a van a recuperar, que perdan toda a posibilidade de poder recuperala", afirmou Carmela Silva. "A eles sempre lles preocupa o poder, o mal uso, son incapaces de separar o partidario do institucional, son así, que lle imos a facer", concluíu.