O Partido Popular de Pontevedra fai autocrítica

Pontevedra
04 de xuño 2015

Jacobo Moreira considera necesario contar con todos os membros da formación para lograr reactivar a situación do partido tras os resultados acadados nas municipais

Reunión da Executiva local do PP Mónica Patxot

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira, presidiu este mércores a Xunta Local co fin de valorar os resultados electorais e iniciar a recollida de propostas que permitan comezar unha nova etapa marcada pola "recuperación da confianza dos veciños perdida durante estes comicios".

Jacobo Moreira afirmou que "aínda que presentamos un programa con medidas interesantes das que non houbo crítica, hai veciños de Pontevedra para os que non cumprimos as súas expectativas. Polo tanto, traballaremos arreo, de xeito inmediato, para lograr recuperar esa confianza".

Para o Partido Popular de Pontevedra é o momento de facer autocrítica, "saber que se fixo mal e que se fixo ben. E, aínda que estivemos cerca dos veciños, contándolles as nosas ideas de futuro parroquia a parroquia, barrio a barrio, está claro que isto non foi suficiente, polo que debemos ofrecer unha resposta aínda máis cercana, conectar coa xente", apuntou o presidente local.

Iniciase así unha nova etapa no Partido Popular de Pontevedra na que todos os membros da formación poderán ofrecer as súas suxestións e propostas para reactivar a confianza dos veciños, "pero sen esquecer que preto de once mil pontevedreses ofreceron o seu apoio ao proxecto que presentamos ás eleccións municipais", puntualizou Jacobo Moreira.

O presidente do Partido Popular de Pontevedra non quere deixar pasar por alto a recuperación neste último ano de máis de dous mil votos con respecto aos resultados obtidos en maio de 2014 nas eleccións ao Parlamento Europeo.

Tras a análise dos resultados electorais e a reunión do Comité de Dirección do PPdeG celebrado a pasada semana, comeza un novo período de actuación no que deberán implicarse todos os membros do Partido Popular de Pontevedra e lograr recuperar a confianza dos cinco mil votantes que o pasado 24 de maio decidiron quedarse na casa e non votar. "Tomamos nota da mensaxe dos veciños de Pontevedra, e poñémonos xa a traballar para estar á altura do que esperan de nós", sentenciou Jacobo Moreira.

Arquivado en